Xesús Pastoriza soubo esta sexta que quedaba libre dunha acusación de romper os cristais dun autobús da empresa Monforte, hai sete anos.
O responsábel nacional de Transporte da CIG, Xesús Pastoriza, foi absolto de dous delitos que lle imputaba a Fiscalía e a acusación particular, a empresa Monforte, por supostamente, causarlle danos a un dos seus autobuses, a noite do 3 de marzo do ano 2001, no polígono de Bértoa, en Carballo. A data coincidía coa folga que mantiñan, naquela altura, os empregados de Transportes La Unión, no sur de Galiza.
A fiscalía e a acusación particular, que representa ao condutor do vehículo e á compañía, atribuíanlle a Pastoriza un delito "contra o dereito dos traballadores" e outro de "danos". Por isto solicitaron, nun primeiro momento, catro anos e medio de prisión (a acusación particular), e tres anos e medio a Fiscalía.
Mais, xa naquela altura, Pastoriza negara ser o autor dos feitos, posto que, segundo se dixo no xuízo, estaba asistindo, no momento, a unha xuntanza. Ademais, dende a CIG lembran que naquela altura os traballadores a empresa Monforte non estaba en folga, polo que o feito non se podía cualificar de delito "contra os dereitos dos traballadores".
Este xuízo foi "unha estratexia política para criminalizar a CIG"
Pastoriza falou con Vieiros e manifestou a súa satisfacción pola resolución do caso contra el, ao tempo que amosaba a súa estrañeza pola actuación da fiscalía, dicindo que detrás das actuacións contra el estaban serias "motivacións políticas para criminalizar á CIG".
"Nun primeiro momento dixeron que estaba a cometer un delito contra o dereito dos traballadores, por obrigar a un empregado a ir á folga, pero daquela o persoal da empresa Monforte non estaba en folga. Foron cambiando sobre a marcha e logo dixeron que o que estaba facendo era obrigar ao traballador a ir á folga xeral do transporte, que se desenvolveu quince días despois", dixo Pastoriza.
"Non entendo a postura da Fiscalía", comentou o sindicalista, e seguiu: "parece que obedece a algún tipo de instrución. Non sei como mantiveron todo o tempo unha posición ficticia".
Por outro lado Pastoriza tamén lembrou que Raúl López, presidente do Grupo Monbús (ao que pertence a Empresa Monforte), é "un auténtico tiburón" que ten "unha chea de concesións" por parte da Xunta e que segue a coaccionar aos seus traballadores (o propio López e Juan Gómez Piña, outro directivo de Monbús, están procesados por coaccionar os traballadores de Luber, unha empresa filial do grupo, nunha causa na que o Xulgado de Instrución número 2 da Coruña abriu dilixencias previas).
"A Xunta debera tomar medidas", terminou Pastoriza, porque unha persoa que acusa en falso, que ten moitas "queixas dos usuarios" polo continuo empeoramento do servizo e pola redución de liñas e horarios.