Seguen a facer quendas, vixiando a nave da empresa, para que ninguén lles leve o material que aínda fica, que pode servir para pagarlles as indeminizacións polo despedimento.
Na mañá da sexta feira os traballadores de Marbar deixaron o seu peche por unhas horas para manifestarse pola Po-344, entre a parroquia de Tebra e Tomiño. Saíron á volta das 11:30 horas da nave da empresa e xuntaron preto de 200 persoas nesta mobilización, organizada pola CIG, entre elas moitas que se solidarizaban coa situación dos empregados.
Despois volveron ao seu peche, que manteñen na nave da empresa dende a segunda feira, día no que o empresario Manuel Martínez Barros (dono de Marbar SL, e as súas filiais, Edificacións Marbar, Granitos Tebra, Granite 99 e Promocións Marbar 04), fuxía sen dar un aviso a ninguén.
Fuxe o xefe, con parte da maquinaria da empresa
Como o seu ex xefe marchou con parte da maquinaria pesada (que tamén está, coma el, en paradeiro descoñecido), os traballadores decidiron comezar o peche para "protexer" o resto de material da empresa. De feito, andan a facer quendas para evitar a descapitalización da compañía e salvar toda a maquinaria que aínda permanece no interior da mesma.
Os outros afectados, os que mercaron os pisos de Marbar
Hai que lembrar que arredor dunhas 200 persoas tiñan mercado promocións de Martínez Barros, e agora atópanse con que xa adiantaron ou deron unha parte importante dos cartos e a súa casa está embargada polos bancos, por causa das débedas de Marbar.
Os compradores van desenvolver esta sexta feira, de tarde, unha segunda xuntanza na Cañiza, na que se decidirán os pasos a seguir a partir de agora e concretarán se van emprender accións legais contra o empresario fuxido.