Unha rapaza australiana adoptou o RH e o sistema inmunitario do doador do seu fígado.
Esquema do fígado / Galipedia
Os médicos aínda non entenden como unha rapaza australiana puido cambiar de grupo sanguíneo despois de recibir un transplante de fígado. A moza, Demi-Lee Brennan, foi intervida cando tiña nove anos nun hospital infantil de Sydney. Dende aquela, o seu sangue pasou de ser O- a O+, como o do seu doador, e o seu sistema inmunitario tamén se modificou para adaptarse ao da persoa que lle dera o fígado.
As causas deses cambios, producidos despois de que células tronco do doador pasasen á medula ósea, aínda se descoñecen. En todo caso, a familia da rapaza, que agora ten quince anos, cualificou a súa recuperación de "milagrosa". O proceso acontecido en Demi-Lee está a ser estudado con interese polos especialistas, dado que podería ter aplicacións para evitar o rexeitamento de órganos transplantados. Todo se puido deber a unha serie de acontecementos casuais, entre eles unha infección post-operatoria.