Educación tamén distribuirá 9.000 novos ordenadores nos centros públicos. O obxectivo do Goberno é conseguir cobertura total de internet nos colexios ao remate da lexislatura.
O Goberno pretende que ao remate deste curso escolar haxa unha relación de 6 alumnos por ordenador. Para iso, a Consellaría de Educación está a distribuír algo máis de 9.000 equipos informáticos nos centros educativos públicos. En total, destináronse en 2007 11,2 millóns de euros para a adquisición de 7.000 ordenadores de escritorio, 2.000 portátiles, 300 proxectores, 160 encerados e 200 impresoras.
Segundo informou a Xunta, no curso 2005-2006 o indicador era de 12 alumnos por equipo informático, e nos últimos dous anos adquiríronse 26.607 computadores até case duplicar a dotación de material coa finalidade de potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros públicos.
Tamén se contribuíu a mellorar as infraestruturas de acceso á internet. Deste xeito, os 1.000 centros de primaria e de secundaria contan con cableado básico, con rede nos espazos administrativos, na biblioteca, na aula de informática e na sala de profesores, e o 80% dos centros de secundaria e o 8% dos de primaria teñen o acceso estendido a todas asa dependencias. A Administración marcouse como obxectivo que ao remate da lexislatura todos os centros teñan conexión integral, ben por cable, ben mediante redes sen fíos (Wifi).
En total, destináronse entre 2006 e 2007 máis de 38 millóns de euros en infraestruturas e servizos de rede e mais en dotación de equipos informáticos. Ademais, a entidade pública empresarial Red.es achegou 8.300.000 euros á compra de computadores. A Consellaría de Educación prevé investir 9 millóns de euros máis en equipos informáticos e audiovisuais para o curso 2008-2009.