"Para os cazadores galegos a situación poboacional desta especie cinexética ou a contestación ocasional que xera a súa caza non se solventa coa prohibición sen máis da práctica venatoria".
A Federación Galega de Caza (FGC) reclama o establecemento dun trato especial e diferenciado do lobo con respecto ó resto das especies cinexéticas. Esta postura da Federación xorde a raíz do proceso de exposición pública do Plan de Xestión do Lobo, actualmente pendente de aprobación, e cuxa posta en vigor é considerada como moi necesaria pola organización federativa. O Plan recollerá “a necesidade de manter unha poboación viable e continua dos lobos, diminuíndo ó mesmo tempo a conflitividade cos sectores sociais e económicos cos que comparte espazos”.
Para os cazadores galegos a situación poboacional desta especie cinexética ou a contestación ocasional que xera a súa caza non se solventa coa prohibición sen máis da práctica venatoria ou coa non regulación das poboación; así lémbrase que, tal e como xa acontece noutras comunidades autónomas onde este animal segue sen figurar como especie cinexética a conflictividade social e o desequilibro da “capacidade de carga” dos territorios non é mellor que en Galicia.
A Federación Galega de Caza, que gaba a creación dun equipo técnico de asesoramento por parte da Administración solicita, non obstante, a existencia doutro comité asesor no que participen os diferentes sectores e no que os cazadores sexan tidos en conta á hora de establecer todo tipo de accións relacionadas co lobo.
Planificación global
A Administración galega debe ser tamén, a xuízo da Federación, a responsable dunha planificación global axeitada no que atinxe ás medidas xerais – entre elas as cinexéticas -, tales como cupos de capturas, controis en áreas que a cotío non coinciden cos límites do espazo cinexético (TECOR), planos de aproveitamento en cada zona ou medidas para mitigar danos e establecer densidades correctas desta especie.
Malia á prevención e, dado que o lobo seguirá a ser causante de danos na cabana gandeira, a Federación Galega de Caza propón tamén o establecemento de criterios que tendan á universalización á hora de calcular e facer efectivas as indemnizacións. Nesta liña apuntan iniciativas como a recentemente publicada orde de axudas para os danos do lobo, de forma que ningunha zona de Galicia afectada fique sen este tipo de axudas. Insístese ademais na necesidade de poñer fin á lentitude dos trámites administrativos ós que se enfrontan os solicitantes.
O fomento de medidas preventivas que xa contempla o plan é, a xuízo da Federación Galega de Caza, un aspecto a manter na futura regulación, así como o artellamento de fórmulas e métodos conxuntos de traballo que lles permitan ás sociedades de caza e ós membros da Administración traballar a prol da protección desta especie cinexética e do equilibrio dos ecosistemas galegos.
Por último a Federación non esquece que é necesario ter en conta a poboación rural que compartirá “espazo” co animal e que non deberá ver minguada en absoluto a súa supervivencia económica e social.