Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous detidos, en Vigo e na Coruña

"Querían volver ás andadas", di Ameijeiras dos presuntos colaboradores do Grapo

O delegado do goberno español en Galiza asegura que "non existe unha estrutura estábel", mais que intentaban formar un "operativo".

Redacción - 17:55 23/01/2008

O delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, asegurou esta cuarta feira que "non hai unha estrutura estábel" dos Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro (Grapo), mais afirmou que os cinco supostos colaboradores detidos esta cuarta feira, dous na Coruña e en Vigo, "intentaban reconstruír algún tipo de operativo".

Ameijeiras confirmou que aos detidos se lles imputan os delitos de actividades de "propaganda", "financiamento", "captación", "proselitismo" e "obtención de información". O ministro español do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, sinalou que os cinco detidos "son membros legais ligados a actividades de financiamento, proselitismo e formación", e engadiu que o grupo "non ten estrutura nin comando operativo".

Neste senso, Ameijeiras dixo que a operación segue aberta mais matizou que "non é previsíbel" que se rexistren novas detencións. Respecto aos dous arrestados aclarou que se trata "dos restos" do Grapo "porque non existe unha estrutura operativa", xa que "se desmontou en xuño de 2007". "Son membros legais que intentaban reconstruír algún tipo de operativo e volver ás andadas", insistiu Ameijeiras, e matizou que na operación de xuño se incautou de material que permitiu as detencións desta cuarta feira.

Traslado a Madrid
Os cinco detidos serán interrogados este venres na Audiencia Nacional española polo xuíz Fernando Grande-Marlaska unha vez cumprido o prazo legal de 72 horas despois da detención. O arrestado en Vigo saíu pola tarde do seu domicilio nun monovolume da Garda Civil con destino a Madrid.

Unha ducia de veciños e familiares botáronse sobre o vehículo para berrarlle a José Luis Fernández González mensaxes de ánimo. Tras permanecer retido dende primeiras horas da mañá no interior do seu domicilio, situado na parroquia viguesa de Sárdoma, Xosé Luís Fernández González foi sacado, sobre as 16.10 horas, a través do garaxe nun vehículo que non tiña os cristais tintados, polo que se puido ver que levaba o puño en alto.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: