Vieiros

Vieiros de meu Perfil


FSM

Xestionado por Vieiros
RSS de FSM
FSM 2008

Cara a onde vai o mundo: Fracasos e perspectivas até o 2025

Son tres os problemas fundamentais que estamos traendo con toda a súa complexidade a este novo século XXI, que abre á súa vez, o novo milenio: a orde internacional, o medio ambiente e para rematar o tema dos dereitos humanos e a xustiza. Reflexión de Roberto Savio.

Redacción - 09:00 23/01/2008
Tags: 2025 FSM

O século que hai pouco deixamos ás nosas costas, se se valora polos feitos de violencia que tiveron lugar, é un século de horrores. Un século con dúas guerras mundiais, con máis de sesenta millóns de mortos, a instauración dos campos de concentración, os Gulag, Auschwitz e o Holocausto. O estabelecemento na escena política de dúas ideoloxías totalitarias, o nazi-fascismo e o estalinismo, traduciuse nunha longa secuela de traxedias e sufrimento.

A loita pola hexemonía mundial, fixo da posguerra un tempo de tensións e de perigo aínda maior: o exterminio nuclear. A Guerra Fría afectou ás relacións, ao desenvolvemento e, en suma, ensombreceu a política mundial. Paradoxalmente, tamén estableceu un equilibrio e o seu fin levou ao que lucidamente previra Brzezinsky, ante o gran asombro por parte dos analistas de Estados Unidos: os países do Terceiro Mundo, en particular os de África, que xa non son estratexicamente relevantes na competencia Este-Oeste, estalarían en conflitos non resoltos, con máis millóns de mortos para o peche do século.

De calquera modo foi un século en que, ademais do progreso da democracia e do desenvolvemento como valores esenciais, intentouse ordenar as relacións internacionais nun deseño orgánico. Ao concluír a Primeira Guerra Mundial, nace a Sociedade das Nacións. Ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, as Nacións Unidas. Ao termo da Guerra Fría (que no plano da violencia non ten nada que envexar ás outras dúas), non só non naceu nada novo, senón que se buscou desmantelar o xa existente.

Este foi un século en que a ciencia permitiu ver con claridade en que dirección estamos indo a causa do cambio climático e a destrución da diversidade das especies, o que conduciu á convocatoria en Río de Janeiro da gran Conferencia sobre o Desenvolvemento e o Medio Ambiente. Logo da súa celebración non se fixo nada respecto diso. Un século en que os datos da pobreza e o fame no mundo estiveron claros e precisos como nunca antes. Con todo, o malgaste continúa aumentando e actualmente os cans e gatos estadounidenses inxiren máis proteínas que todos os nenos africanos, como nos informa o UNICEF.

Un século en que a conciencia dos privilexios tornouse clara, pero tamén a decisión de non renunciar a eles por parte de quen os posúen. Un curioso símbolo desta contradición é o candidato presidencial francés José Bové. Para os europeos, é un modelo progresista, que defende aos campesiños fronte ás grandes transnacionais transxénicas; para os campesiños do Terceiro Mundo é, pola contra, un modelo dos privilexios da política agrícola europea, que garante a cada vaca europea un subsidio de tres dólares diarios, máis que o ingreso de 800 millóns de seres humanos. Obviamente, unha vaca idéntica, pero nacida no Sur do mundo, non recibe nada e debe competir no mercado coa súa irmá do Norte, quen ao décimo mes, ao momento de ir ao matadoiro, ten xa un dote de 900 dólares.

Son tres os problemas fundamentais que estamos traendo con toda a súa complexidade a este novo século XXI, que abre á súa vez, o novo milenio: a orde internacional, o medio ambiente e para rematar o tema dos dereitos humanos e a xustiza. Un símbolo deste tránsito é a reunión sen precedentes dos 147 Xefes de Estado e de Goberno na ONU (6 ao 8 setembro de 2000) para adoptar os así chamados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), un solemne empeño da Humanidade por superar o século que deixamos atrás.

Os expertos en símbolos alértannos que se trata de instrumentos esenciais para a nosa comprensión do mundo, cuxa dicotomía esencial é optimismo-pesimismo. Indira Gandhi, quen como todos os hindús dominaba o mecanismo do dualismo, sostiña que o optimista é un pesimista que non ten toda a información. A sete anos da Asemblea Xeral do Milenio, comezamos a ter suficientes datos para decidir se continuamos sendo optimistas ou non. Esta análise non pode máis que comezar cun exame a nivel global, antes de pasar aos niveis rexionais e nacionais e finalmente a Italia.

Segundo o coñecido ensaísta político brasileiro Elio Jaguaribe, as xeracións políticas duran dez anos, a diferenza dos vinte que perduran as xeracións humanas. Nun dos seus ensaios, demostra como dez anos son suficientes para cambiar grosso modo os péndulos da política. Estas reflexións enmárcanse nun espazo de vinte anos, polo que cobren dúas xeracións políticas no novo século e estamos xa próximos ao fin da primeira, a só tres anos de 2010. Certamente, desde unha óptica interna dos Estados Unidos, o paso de George W. Bush por este primeiro decenio representa unha confirmación das teorías de Jaguaribe.

Vexamos, xa que logo, que é o que funcionou como bisagra entre o século pasado e este que se abre, e así tratar tamén de anticipar que pode suceder ata 2020. De todos os factores, creo que tres son os máis útiles para unha análise: o Consenso de Wáshington, o unilateralismo como base das relacións internacionais e a irrupción do fundamentalismo.

(...)
A reflexión completa na web do Foro Social Mundial (.pdf / 250Kb)

Roberto Savio é fundador de Inter Press Service, e presidente da Comisión de Comunicacións do Fórum Social Mundial


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: