Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia da Plataforma "Cultura Si, Mausoleo Non"

Piden o cesamento dos asesores postos "a dedo" por Fraga que seguen na Xunta

O colectivo quéixase de que Medio Ambiente, Sanidade e Cultura son os departamentos do Goberno onde permanece en postos de "confianza" máis xente procedente do executivo anterior.

Redacción - 18:00 21/01/2008

No que lle toca á estrutura administrativa da Xunta o cambio "está aínda por chegar", en opinión do colectivo Cultura Si, Mausoleo Non. Creada para canalizar o descontento fronte ao proxecto do Gaiás e tratar de reconducilo, a plataforma estende o seu abano de reivindicacións ao ámbito interno da administración para queixarse polo feito de que moitos dos protagonistas das "desfeitas" do anterior goberno do PP permanezan en cargos de responsabilidade co goberno actual.

"Por respecto á democracia e aos cidadáns que votaron o cambio en 2005, o bipartito debera esforzarse en cambiar esa xente", sostivo Xan Carlos Ansia, voceiro da Plataforma, en declaracións a Vieiros. Ansia considera que non é correcto que sigan prestando servizo nos cargos onde foron postos "a dedo", persoeiros que permaneceron "mudos, cegos e xordos", fronte a determinadas actuacións do executivo que lideraba Manuel Fraga.

Arredor de mil cargos, entre asesores xurídicos, xefes de servizo, subdirectores ou xerentes que actuaron en mesas de contratación, comisións de selección e tribunais "seguen nos seus postos directivos ao servizo do BNG e do PSdeG", láianse desde o colectivo. Medio Ambiente, Sanidade e Cultura son os departamentos onde sinalan o problema como maior. No outro estremo, felicitan a Medio Rural ou Educación como exemplo de consellarías onde se realizou máis axiña a supresión dos responsábeis "amarrados" durante o anterior treito de goberno.

Cambios que na opinión da Plataforma son necesarios "por coherencia política e transparencia co diñeiro público" de todos os cidadáns. Ao respecto, lembran que existen mecanismos, como é a actual lei da función pública, que de aplicárense permitirían avanzar na transparencia e na resolución da reprobábel herdanza deixada polo PPdeG na Xunta.


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: