Desmenten que negociaran coa Xunta sobre o traslado da fábrica. A APDR alegará a solicitude de Autorización Ambiental Integrada para a empresa.
Segundo publica este domingo o Diario de Pontevedra, Ence vai permanecer nas súas instalacións de Lourizán deica 2018. Ademais desmentiu que mantivesen negociacións coa Xunta sobre o inicio do traslado da fábrica, malia o anuncio da Consellaría de Medio Ambiente.
Unha vez coñecida a noticia do departamento que dirixe o socialista Manuel Vázquez, o comité de empresa reuniuse a pasada quinta feira co conselleiro delegado de Ence, Pedro Oyarzábal, para aclarar as intencións dos responsábeis da planta respecto dunha hipotética recolocación.
Ence comunicoulles aos traballadores que a fábrica vai manter a súa localización actual, no municipio pontevedrés de Lourizán, deica o ano 2018, cando vence a concesión dos terreos, segundo confirmou o presidente do comité de empresa e representante sindical de UXT, Nicolás Fernández.
Este manifestou a súa satisfacción pola actitude da empresa, e apuntou que o feito de adiantar o traslado de Ence a 2012 non é viábel. Ademais desbotou a idea -aínda que recoñece que a empresa a valorou- de que a planta sexa recolocada no Concello das Pontes (O Eume).
Alegacións da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra
Por outra banda a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) xa anunciou que presentará alegacións en contra da solicitude de Autorización Ambiental Integrada para Ence, que se vai someter a información pública.
O colectivo ecoloxista considera que a fábrica de celulosa non cumpre coas condicións legais (ambientais e urbanísticas) para continuar en Lourizán, e apela á Lei de Prevención e Control Integrado da Contaminación.