Despois de case dous meses de paro, as ligas galegas infantil e xuvenil de waterpolo volven a poñerse en marcha con varios partidos.
Despois de dous meses paradas, as ligas galegas infantil e xuvenil de waterpolo, por causa dos campionatos galegos e do Nadal, este sábado 19 de xaneiro volve a actividade coa segunda xornada de ámbalas dúas competicións.
O sábado ás 16:30 e ás 18:00 horas, na piscina do INEF da Coruña, xogan o CN Pontevedra e o CN Coruña en ámbalas dúas categorías (primeiro os infantís e logo os xuvenís).
Ademais de levar a todos os convocados, dende o CN Pontevedra contan que se van desprazar á Coruña cos nenos e nenas máis pequenas para que participen, co resto de compañeiros, no quecemento. Para isto o técnico pontevedrés, Javier de Sáa, vai contar coa colaboración dun xogador do primeiro equipo, Juanjo Vázquez.
Os dous equipos pontevedreses só xogaron un partido, contra o CW Santiago, que perderon, mais os infantís amosaron unha mellora considerábel nos últimos meses (a metade do equipo comezou en outubro a xogar ao waterpolo), e conseguiron a medalla de ouro do Campionato Galego de Inverno no mes de decembro.
O equipo xuvenil tamén está mellorando, e mesmo 5 dos seus xogadores (dous deles cadetes) están competindo co primeiro equipo, que vai de primeiro na Liga Galega Absoluta de Waterpolo.