Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise de verdades e mitos sobre esta práctica

Boicotear ou non boicotear? Esa é a cuestión

Impedir que un Estado ocupe militarmente outro, frear violacións dos dereitos internacionais, denunciar inxustizas e abusos. É o boicot unha forma de presión efectiva?

Redacción - 09:45 20/01/2008

"Os boicots son un medio cívico para cambiar situacións de inxustiza e violencia institucional e avanzar cara a xustiza e a paz", así de claro o ven na Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina, un dos movementos que máis claramente se sitúan a favor do boicot aos produtos israelís. "Deste xeito amosamos o noso rexeitamento á ocupación sionista e apoiamos aos palestinos na súa liberación", explican.

Probablemente o boicot a Israel sexa un dos máis coñecidos e estendidos pero hai máis. "Nin un céntimo para a guerra! Boicot a Bush!" é, por exemplo, o lema da campaña que promove o boicot ás multinacionais estadounidenses con conexións co goberno. Cando se iniciou a guerra de Iraq, puxéronse en marcha un bo número de propostas ao redor dos boicots aos produtos estadounidenses. "Se a economía é a causa da guerra: non a alimentes coas túas compras" é o lema da iniciativa Boycott Preventivo, que xorde da Plataforma Paremos a Guerra, de Barcelona. Na súa páxina podes atopar un ‘Manual do bo boicotista' e aínda te podes adherir ás súas campañas enviando un mail ao enderezo boicot@debtwatch.org.

Poder e responsabilidade
"Como consumidores non queremos que o noso diñeiro apoie guerras, destrución do medio, nin violacións dos dereitos humanos", afirman dende Mother Earth. Os movementos e asociacións que apoian os boicots como prácticas solidarias inciden en que os cidadáns e cidadás dos países democráticos teñen a capacidade de incidir politicamente como axentes de consumo. Pero a pesar de que a conciencia cara o consumo crítico medra día a día, o boicot segue xerando reticencias e lendas ao seu redor. Analizamos algunhas verdades e mentiras sobre os boicots:

O boicot prexudica os gobernos ou a poboación do país?
"Os boicots cidadáns non conduciron historicamente á ruína das empresas ou países, senón a un cambio das súas políticas", explica Sergio Medina, colaborador de Mother Earth.

Os boicots destrúen postos de traballo?
Segundo Medina, historicamente tampouco foi así. Pero, como explican a maioría de movementos boicotistas, en calquera caso, non poden anteporse os postos de traballo aos dereitos humanos.

O comercio ten algo que ver coa política? As empresas son culpables do que faga o seu goberno?
"O comercio si ten relación coa política, e tanto!", exclaman dende o Comité de Solidariedade coa Causa Árabe (CSCA). Movementos e entidades sociais coinciden en que a relación aínda é maior en casos de colonialismo. Por unha banda, a política regula e favorece determinados tipos de comercio, e, pola outra, o comercio ten moita capacidade de presión e persuasión sobre a política e quen a dirixe, engaden.

Só existen os boicots comerciais?
Non. De feito, dende os movementos sociais e asociacións que animan a pór en práctica este sistema explican que o boicot económico aos produtos debe combinarse con outro tipo de presión: o boicot cultural, deportivo e académico e o illamento social. Expulsar ao país das competicións deportivas internacionais, que as organizacións profesionais e académicas non cooperen co país, boicotear as conferencias e os actos culturais ou non facer turismo nese país son outras propostas de boicot para forzar aos gobernos a cambiar determinadas políticas.

"O máis importante é que todos os sectores da sociedade perciban que as violacións de dereitos non son ignoradas nin vistas con indiferenza pola sociedade civil internacional, e que non serán tratados con normalidade mentres as inxustizas perduren", explican na Rede Solidaria contra a Ocupación Palestina.

É legal promover un boicot?
Promover e participar nun boicot é legal na práctica totalidade dos países desenvolvidos. No Estado español só se aplican restricións a determinadas organizacións como os sindicatos, que non poden ordenar o boicot aos provedores de bens e servizos das súas compañías.

É o boicot unha forma de consumo responsábel?
Un boicot considérase normalmente como unha acción puntual para corrixir un acto destacadamente reprobábel. Se se prolonga no tempo, ou como parte dun programa amplo de concienciación ou de reforma da leis ou os réximes, o boicot forma parte do chamado consumo ético ou consumo responsábel e céntrase nos cambios a longo prazo dos hábitos de consumo.

Un boicot é algo simbólico sen efectos reais?
"Isto é o que nos queren facer crer os que non queren que actuemos e son cómplices dun bo número de inxustizas que se cometen todos os días", exclama Medina. Movementos e entidades sociais coinciden en lembrar casos de boicots con resultados positivos, como o iniciado en 1995 pola Oficina Internacional para a Paz en oposición ás probas nucleares que se levaban a cabo na Polinesia Francesa. A industria vitícola francesa sufriu especialmente este boicot, debido á súa popularidade internacional. Finalmente, o presidente da República comprometeuse a asinar un Tratado de prohibición total de probas nucleares, ratificado por Francia en abril de 1998.

Tamén destacan o caso do boicot contra o apartheid sudafricano que foi iniciado por persoas e grupos independentes. "Medrou lenta pero firmemente e ao final converteuse nun boicot total: económico, deportivo, cultural, académico e turístico. Sudáfrica foi obrigada a cambiar", afirman desde o Comité de Solidariedade coa Causa Árabe.

A principios dos anos noventa iniciáronse boicots en todo o mundo contra empresas como Shell, Kellogg's e Coca Cola, entre outras, para protestar contra as políticas racistas do goberno sudafricano. As compañías obxecto do boicot promoveron decisións dos accionistas esixindo non operar no país, acelerando a abolición do réxime segregacionista en 1994.

"En ocasións, a simple ameaza dun boicot pode facer que unha empresa ceda ás demandas dos que están dispostos a boicotear", explican dende Survival International, organización que ameazou á compañía Scott Paper cun boicot, porque os seus plans de estabelecer unha plantación de eucaliptos e unha planta procesadora de papel en Indonesia ameazaban a supervivencia dos pobos indíxenas. En resposta ao aviso, a empresa abandonou os seus plans.

O boicot e as novas tecnoloxías
Os movementos sociais boicotistas explican que unha campaña de boicot ten hoxe moitas máis posibilidades de éxito grazas a Internet, a través de sitios web, grupos de noticias ou listaxes de correo. O efecto 'bóla de neve' na internet é moi rápido comparado con outros. Dende a década dos noventa, os boicots están mellor organizados e obteñen máis atención dos medios ca nunca. Como consecuencia, poden ser moi eficaces nun período de tempo máis curto que anteriormente. "Hoxe en día, coa internet, un boicot de consumidores pode ser apoiado por centos de millóns de persoas", explican en Mother Earth.


Documentos

Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da campaña de boicot a varios produtos, desenvolvida por Boicot Preventiu
Imaxe da campaña de boicot a varios produtos, desenvolvida por Boicot Preventiu