Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ana Míguez, presidenta da Asociación Alecrín

"Os dereitos que adquirimos con tantísimo sacrificio pódennos ser arrebatados"

Na mañá da terza feira máis dunha ducia de mulleres chegaron ao xulgado de garda vigués para autoinculparse por abortar, fóra dos supostos que recolle a lei.

Antía Rodríguez - 18:25 15/01/2008

Unhas quince mulleres xuntáronse na mañá da terza feira no Xulgado de Garda de Vigo, convocadas pola Asociación Alecrín para autoinculparse por interromper os seus embarazos fóra dos supostos que recolle a actual Lei do Aborto do Estado Español, en solidariedade coas mulleres que están a ser investigadas en Barcelona por desenvolver esta práctica.

Segundo lle contou a Vieiros a presidenta de Alecrín, Ana Míguez, aínda se van presentar máis autoinculpamentos ao longo da semana, porque algunhas das mulleres que quixeron sumarse a esta protesta non o puideron facer aínda por causa do traballo.

Míguez tamén salientou que as autoinculpadas están dispostas "a asumir o que a xustiza decida... se nun momento determinado somos condenadas, estamos dispostas a asumilo".

En solidariedade coas clínicas, coas mulleres imputadas e por unha Lei de Prazos

"O que fixemos foi convocar aos medios dicíndolles que nos habíamos autoinculpar por abortar fóra dos supostos que recolle a lei, por unha decisión persoal e porque ninguén ten que decidir, agás nós, sobre o noso propio corpo", díxolle a Vieiros Míguez, mentres lembraba que esta protesta está enmarcada nunha campaña de solidariedade coas clínicas e coas mulleres que en Barcelona están citadas a declarar por ter, supostamente, abortado fóra da legalidade, "polo Seprona", salientou Míguez, "o Seprona é que nas chama a declarar, coma se fósemos ‘seres a protexer'".

Ana Míguez tamén quixo lembrar que no seu caso, e no de outras mulleres que estaban na convocatoria desta terza feira, xa é a segunda vez que se autoinculpan: "a primeira vez foi hai 28 anos. Daquela manifestémonos porque queriamos que se redactase unha Lei do Aborto. Agora que a hai o que queremos é que se aprobe Lei de Prazos".

Unha Lei de Prazos "para que non teñamos que dar explicacións"
Míguez díxolle a Vieiros que unha das súas principais reclamacións como colectivo é a aprobación a Lei de Prazos (que contemplaría que as mulleres poden interromper o seu embarazo entre as 12 e as 15 semanas de xestación, sen dar explicacións nin acollerse a ningún suposto). "Abortar é un dereito noso, das mulleres, polo que non temos que dar ningunha explicación", dixo Míguez.

"No momento que estamos a vivir, no que a Igrexa máis reaccionaria e a extrema dereita se están a mobilizar para limitar os nosos dereitos, este tipo de mobilizacións son moi necesarias", dixo Míguez, mais quixo destacar que "se tivesen a oportunidade, sacaríannos todos os nosos dereitos. Hai que estar sempre vixiantes, porque os dereitos que adquirimos as mulleres con tantísimos sacrificios pódennos ser arrebatados".

O BNG defende a aprobación da Lei de Prazos

Rosario Fernández Velho, secretaria de Acción Feminista do BNG, asegura que os ataques contra as clínicas onde se practican abortos, así como as citacións xudiciais ás mulleres que interromperon voluntariamente o seu embarazo, son "gravísimos". Para Fernández Velho asegura a sociedade require que se abra un "debate serio sobre a regulamentación do dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo dentro dun prazo e con todas as garantías xurídicas, sanitarias e sociais".

Nesta liña Rosario Fernández lembrou a iniciativa parlamentaria presentada por Ana Pontón no Parlamento Galego en novembro, que pedía a modificación da actual Lei do Aborto (que "é de 1986 e non serve, porque ten moitas concesións aos sectores máis reaccionarios") cara unha Lei de Prazos. Tamén destacou que os poderes públicos deben tomar medidas para previr os embarazos non desexados, xa que o aborto "nunca é desexado e supón un trauma físico e emocional para as mulleres", polo que avogou por incorporar proxectos de intervención permanente de educación afectivo-sexual desde a escola infantil en adiante, estimular a colaboración das familias e apostar por un modelo co-educativo saudábel.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Campaña a favor do aborto no Brasil, da Marcha Mundial das Mulleres / Flickr: pont_des_arts
Campaña a favor do aborto no Brasil, da Marcha Mundial das Mulleres / Flickr: pont_des_arts
Imaxe da campaña pola despenalización do aborto, en Portugal / Flickr: J-Cornelius
Imaxe da campaña pola despenalización do aborto, en Portugal / Flickr: J-Cornelius
Da campaña pola legalización do aborto en Portugal / Flickr: laboratorio MD
Da campaña pola legalización do aborto en Portugal / Flickr: laboratorio MD