Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Din que hai pouca cooperación transfronteiriza

Co desembarco na oposición chega a sintonía de PPdeG e PSD arredor da eurorrexión

A dereita galega e portuguesa descobre o interese de sumaren ás respectivas axendas opositoras as reivindicacións sobre o proxecto da eurorrexión.

Redacción - 14:45 15/01/2008

"Perdéronse moitas oportunidades para obter financiamento da Unión Europea", queixouse esta semana o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda ao respecto do balance da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal. Así e todo, a avaliación de Rueda restrínxese unicamente ao treito de goberno actual, desde que o organismo está baixo a presidencia do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Ao fío, o secretario xeral do PPdeG citou o caso do estabelecemento en Badaxoz da oficina de xestión dos proxectos de cooperación transfronteirizos entre o Estado español e o portugués.

É por isto que o PPdeG anuncia que afondará na relación co PSD da zona norte de Portugal, para trataren das posíbeis iniciativas a propoñeren conxuntamente para "relanzar" a cooperación transfronteiriza entre Galiza e Portugal. Os conservadores galegos e portugueses decidírono así despois de varias xuntanzas de traballo en Gaia, ás que asistiron o propio presidente da Cámara Municipal de Gaia e probábel candidato a primeiro ministro do PSD nas vindeiras eleccións de 2009, Luís Felipe Menezes, e o vicepresidente da Cámara Municipal do Porto e tamén presidente local do PSD, Marco Antonio Costa.

Segundo Rueda, a cooperación fora "exemplar" no tempo en que coincidiran as dúas forzas políticas con tarefas de goberno en Galiza e Portugal, PPdeG e PSD, e opinan que desde a chegada do bipartito ao poder "a colaboración está practicamente morta". O secretario xeral dos populares afirmou que a Xunta non está facendo presión abondo para que se impulsen plans de desenvolvemento e infraestruturas "fundamentais" coma o caso da alta velocidade Vigo-Porto.

Por isto, o calendario de contactos entre PPdeG e PSD incluirá unha reunión o próximo mes de febreiro en Vigo, para coordinaren reclamacións e ideas, e outra máis na altura de abril, e que se celebrará na "eurocidade Chaves-Verín". Ademais, cobrará forza o grupo de traballo conxunto para o que estabeleceron unha presidencia de quenda cada seis meses, e que agora mesmo está liderado polo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: