O programa de subvencións ao sector para o 2008 presenta novidades, como a aplicación de baremos por vez primeira, e unha maior aposta pola súa promoción exterior.
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, que en 2008 pasara a ser a Axencia Galega das Industrias Culturais, presentou a súa liña de axudas. Xunto co importante aumento inversor respecto do ano pasado, ao redor dun 35%, superando os dous millóns de euros, as subvencións de 2008 incorporan outras destacadas novidades dirixidas fundamentalmente a optimizar as contías adxudicadas.
En primeiro lugar, as axudas potenciarán con máis forza a difusión exterior da cultura galega. Así mesmo, ponse en marcha o programa Crédito-Cultura, que busca facilitar e normalizar en condicións vantaxosas o acceso das empresas de artes escénicas e musicais ao financiamento bancario da súa actividade. Finalmente, introdúcense por vez primeira nos baremos das axudas elementos correctores que faciliten unha avaliación máis homoxénea dos proxectos.
O prazo de presentación da meirande parte das solicitudes permanecerá aberto até o vindeiro 15 de febreiro. O IGAEM pon tamén por vez primeira a disposición dos interesados unha aplicación informática, acompañada dun servizo de asistencia telefónica e en liña, co obxecto de facilitar a cobertura dos anexos e informarlles sobre a previsión de puntuación dos seus expedientes.