O proxecto agora iniciado promete darlles voz aos axentes socio-económicos de cada comarca para deseñaren iniciativas de creación de emprego axustadas ás súas necesidades.
Gobernos municipais, sindicatos ou empresarios locais terán maior manobra este ano na Costa da Morte para debateren e deseñaren as iniciativas que no ámbito das políticas de emprego consideren máis axeitadas para os seus concellos e comarcas. É unha das ideas xurdidas do Pacto de Emprego, que tratará de axustar máis ao contorno os investimentos do Goberno neste ámbito.
Está por ver como funciona na práctica a idea. Ao fío, os veciños de Muxía, na propia Costa da Morte, deran exemplo non hai moito de seren capaces de presentar un proxecto alternativo á piscifactoría que invadirá as Brañas de Merexo. Unha alternativa dos veciños baseada na confianza no potencial agroturístico da zona e que de momento non foi quen de tumbar o proxecto acuícola.
Alto paro feminino e elevada temporalidade
O conxunto dos concellos da Costa da Morte suman unha media de arredor de 10 mil persoas nas listas do paro, en concreto 8.593 desempregados o último ano. Do total, o 64% son mulleres. Ademais, dous de cada dez mozos menores de trinta anos non teñen traballo.
Malia que nos dous últimos anos houbo unha redución de 2.013 parados, e que nese mesmo período rexistráronse até 3.348 novos afiliados á Seguridade Social, un 10% de incremento, segue habendo unha baixa porcentaxe de contratos indefinidos. Así, de cada cen contratos asinados, só 14 son de tipo indefinido.
Proxecto experimental
A comarca da Costa da Morte é unha das primeiras onde se vai poñer en marcha o chamado "Pacto Territorial de Emprego". A Xunta destinará este ano 2,5 millóns de euros para este e os outros catorce similares. Xunto coa Costa da Morte, as comarcas de Lugo, a do Salnés e a de Valdeorras serán as primeiras onde funcionará como experiencia piloto. O resto: Barbanza, A Coruña, Ferrol, Santiago, Lemos, A Mariña, Limia, Ourense, Valdeorras, Deza-Tabeirós, Pontevedra e Vigo.
O Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte presentouse na mañá deste luns, nun acto onde participaron o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro; o secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña, Xosé Manuel Lado Lestón; o secretario xeral da Unión Comarcal de UGT-Galicia da Coruña, Xosé Carrillo Souto; e o membro da Comisión Executiva da Confederación de Empresarios da Coruña, Juan Manuel Cancela Sánchez.
Afinando máis na estratexia de revitalización
O proxecto chega apenas un mes despois da presentación do Plan de Dinamización da Costa da Morte, baseado en tres puntos: o impulso das infraestruturas, a mellora do capital humano e a dinamización económica, un paquete de medidas plurianual de 524 millóns que suporá un investimento por persoa de 3.586 euros.
A iniciativa estrela do Plan é o novo corredor da Costa da Morte, unha estrada de alta capacidade que atravesará as bisbarras de Bergantiños, Soneira e Fisterra e na que se investirán 300 millóns de euros co obxectivo de que estea rematada en 2010.