Ás mortes de dous mariñeiros o pasado mércores en Bueu e ás doutros dous a mañá deste luns no Vicedo hai que sumar agora a desaparición dun percebeiro.
O percebeiro Xosé Xavier Varela González, de 39 anos, desapareceu en Ferrol este luns á mañá cando apañaba o crustáceo na zona de Doniños. Estiveron a participar nos labores de busca un helicóptero e embarcacións de salvamento marítimo, que suspenderon a actividade pola tarde debido ao mal tempo.
A este suceso hai que sumarlle dúas mortes no mar que se produciron na mesma xornada pola mañá no Vicedo. Aquilino Calvo, de 57 anos, e Xosé Yáñez, de 44 anos, faleceron ao envorcar a embarcación na que faenaban fronte á illa Coelleira por causas que aínda se están a investigar. Aos dous mariñeiros practicóuselles a autopsia en Burela. O Concello do Vicedo decretou tres días de loito oficial.
O pasado mércores perderon a vida no mar outras dúas persoas: Francisco Villanueva Fernández, de 59 anos, e Gonzalo Verde Otero, de 40, morreron en Bueu cando saíron a pescar centola nunha gamela no medio dun temporal.