Remata o longo proceso que se necesitou para chegar á sinatura coa que este xoves se confirmou a beizón da comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner.
Un total de 1.180 millóns de euros do total que Bruxelas acordou concederlle a Galiza leva etiqueta especial para o gasto: sociedade do coñecemento e innovación. A cifra contrasta co que desta volta chega por exemplo para a alta velocidade ferroviaria, 553 millóns. Foi unha das esixencias da Comisión Europea, despois de que a comisaria europea desta área, Danuta Hübner, amosase a súa preocupación pola irregular estratexia despregada até o de agora por Galiza na utilización dos fondos europeos. "Hai unha viraxe clara na distribución dos cartos", subliñou este xoves o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio.
O cambio de estratexia fora xa felicitado por Hübner na súa visita hai meses a Galiza, onde comentou o "importante cambio de estratexia" proposto pola Xunta. Advertiu Hübner de que esta pode ser "a última oportunidade" para Galiza. En decembro de 2005, expertos internacionais convidados polo Goberno a un foro sobre desenvolvemento, apuntaban que nunha situación normal de xestión a renda media de Galiza podería ser como mínimo "un 20% maior" do que é na actualidade. Falaban daquela os analistas económicos do inexplorado potencial do país e sinalaron que non debera haber escusa para que a vizosa entrada de subvencións europeas fomentase niveis de crecemento económico de até máis do dobre do que foron as cifras reais desde a década dos 90.
Anterior: Galiza é a segunda comunidade do Estado que máis axudas vai recibir da UE nos vindeiros seis anos