Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RAG E CCG PROPOÑEN REFORMULALO

Algo se move no Panteón

A Real Academia e o Consello da Cultura apostan tamén por rebautizalo como Panteón da Galeguidade

Redacción - 19:36 19/12/2007

A Real Academia e o Consello da Cultura propuxeron de xeito conxunto darlle outra orientación ao Panteón dos Galegos Ilustres, situado na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela. Propoñen un cambio de nome, para rebautizalo como Panteón da Galeguidade, e ademais reformular a súa función, "para que aqueles que o merezan estean representados cos seus corpos ou efixies", en palabras de Barreiro Fernández, presidente da Academia.

Na actualidade, o Panteón acolle os restos de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e, dende 1984, os de Castelao. Coa proposta de Academia e Consello da Cultura, que será proposta aos poderes públicos, poderían ingresar no Panteón varios outros persoeiros da historia de Galiza.

Xosé Ramón Barreiro e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, fixeron este anuncio na presentación do libro Os símbolos de Galicia, editado por ambas as dúas institucións. A obra recolle traballos dos propios Barreiro e Villares, ademais de Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña e Eduardo Pardo de Guevara. O acto de presentación do libro estivo presidido por Ánxela Bugallo, que dixo "recoller as moitas luvas" lanzadas por Barreiro Fernández.

2008, ano de Curros

O Presidente da Real Academia Galega tamén anunciou que en 2008 "celebraremos como se merece o Ano de Manuel Curros Enríquez". O vindeiro ano cúmprese o centenario a morte do poeta en Cuba e do retorno a Galiza dos seus restos. Será pois, un ano cheo de actos de lembranza e estudo de Curros, no que se pretende, segundo Barreiro Fernández, levar a celebración e os actos á rúa e á sociedade, máis aló das institucións académicas.


3,67/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: