Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
REPRESENTARASE EN XIXÓN EN FEBREIRO

'Boas Noites' representarase na Feira Europea de Teatro para Nenos

A obra de Berrobambán, baseada no libro de Paula Carballeira, estará presente nun dos máis importantes escaparates do teatro infantil de Europa

Marcos S. Pérez - 13:56 18/12/2007

Boas Noites non deixa de recoller éxitos. Na fin de semana da súa estrea encheu o Salón Teatro de Compostela e o García Barbón de Vigo. E uns días despois volvía superar o milleiro de espectadores nas súas representacións do Teatro Principal de Santiago. Agora, chégalle outra boa nova: A Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas (Feten), que se celebrará en febreiro en Xixón, seleccionou a obra, que será representada o día 27 no Teatro Jovellanos. Feten é o único evento destas características no Estado, e un dos poucos especializados no ámbito da infancia en toda Europa.

A participación de Boas Noites será unha grande oportunidade para que a obra de Berrobambán sexa coñecida en todo o Estado e en Europa, xa que en Xixón reuniránse programadores de todo o continente. Antes de viaxar a Xixón, a obra representarase en Lugo (21 de decembro), Ourense (27 de decembro), A Coruña (20, 21, 22, 29 e 30 de xaneiro) e Carballo (27 de xaneiro). A partir de marzo continuarán a súa xira por Pontevedra, O Barco, Vilagarcía, Ferrol, Narón, Ribadeo e San Sadurniño.

Paula Carballeira, moi satisfeita
Paula Carballeira é a autora do conto orixinal, e ademais participa na representación, unha adaptación que a deixou máis que satisfeita pois, di, "outórgalle outra dimensión ao texto". Satisfeita, sobre todo, polo éxito que está tendo entre os nenos, "ese é o medo que tiñamos, levabamos traballando moito tempo nela e a resposta está sendo moi boa, tanto nas funcións escolares coma nas abertas", afirma. Paula tamén advirte de que "os nenos non enganan", é dicir, que se lles gusta unha obra é fácil sabelo, e se non lles gusta tamén: "o peor é se escoitas que se removen no asento, pero iso non pasou, participan, falan, gústalles".

En canto á representación que terá lugar en Xixón, para a que se realizará unha tradución da obra ao castelán, Paula Carballeira cre que o texto é universal na súa base, no seu achegamento aos medos infantís, "hai personaxes moi galegos, iso si, como Pedro Chosco, pero estou segura que todas as culturas teñen personaxes equivalentes", conclúe.


Crítica de Boas Noites en Miraxes


Ligazóns

4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: