A suposta empresa quere cobrar os danos provocados a un poste nun accidente de automóbil.
Unha veciña do concello de Cerceda recibiu un estraño e inesperado burofax. Nel, a suposta delegación de Cádiz de Telefónica S.A.U. reclamáballe o pagamento de 586,99 euros por lle ter causado danos co seu automóbil a un poste en Granollers. Todo parece apuntar a unha nova modalidade de estafa, pois tanto os datos persoais da muller como a matrícula do vehículo son correctos.
Mais os supostos estafadores cometeron varios erros, pois as facturas son falsas, o CIF da suposta empresa non figura e o NIF do cliente é falso. Tampouco responden no teléfono que aparece no burofax. Un familiar da muller púxose en contacto coa Garda Civil para saber se houbera máis vítimas desta estafa, que parece ter como principais destinatarios a xente do rural, e amosou a súa preocupación pola orixe dos datos persoais, nuns feitos que poden vulnerar a Lei de Protección de Datos.