Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
onde vivimos importa?

Camelle NON se vende, e Merexo mobilízase contra o Plano Acuícola

A veciñanza de Camelle e Arou non está disposta a quedar arrodeada por 318.000 m2 de piscinas de cemento e lonas negras. ADEGA expuxo os seus argumentos contra o Plano Acuícola no decurso dun multitudinario acto este día 12 en Camelle, e a conclusión foi unánime: CAMELLE NON SE VENDE! Tamén, este domingo 16-D a xente de Merexo (Muxía) convócanos a participar nunha CADEA HUMANA para escenificar o rexeitamento á ampliación da piscifatoría de Stolt até os 270.000 m2. Mobilízate en defensa do noso litoral!

ADEGA - 12:41 14/12/2007
Tags:

O Plano Sectorial de megaparques de acuicultura en terra agasalla aos veciños e veciñas de Camelle e Arou con dúas instalacións, a denominada Xandriña (217.000 m2) e a de Camelle (101.000 m2) nunha costa virxe de altísimos valores naturais e culturais. Á desfeita paisaxística haberá que engadir tamén, as consecuencias do vertido de millóns de m3 de augas contaminadas, precisamente nun litoral de gran riqueza pesqueira e marisqueira. Malia a que estas industrias están estratéxicamente situadas no límite da Rede Natura, non pode pensarse que non se afectarán os sensíbeis hábitats e especies de interese europeo do LIC Costa da Morte. Curiosamente, os vertidos destas industrias faranse unha costa que Medio Ambiente pretende incluir na inminente ampliación da Rede Natura. Este feito pon claramente de manifesto a falla de coordenación dunha administración na xestión territorial do país, alén de indicarnos que o plano sectorial acuícola está deseñado por e para os intereses das empresas do sector.

Os veciños/as de Camelle e Arou e os ecoloxistas non imos tolerar que os intereses de empresas privada estén por riba do interese público na conservación do ambiente e do dereito do pobo de Camelle a aproveitar de xeito racional e sustentábel os seus recursos naturais.

ADEGA quere tamén respostar ás afirmacións da deputada Marisol Soneira feitas a raíz da súa visita propagandística a Camelle:

-A respeito das afeccións ambientais, resulta inxenuo pretender que macroinstalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración dos efluentes (millóns de m3 de augas contaminadas ao ano) non van repercutir sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.
Sra. Soneira a ocupación física dos terreos colindantes cun espazo protexido non significa a ausencia de impactos sobre este, por canto é ben sabido que existe un fluxo de materia e enerxía, uns ciclos no ecosistema que non entenden de límites administrativos.

-A oferta de 5€ por metro cadrado é moi dubidosa, por canto instalacións similares están a pagar un máximo de 2,5 € (Pescanova en Mira, Portugal). E aínda así, e parafraseando aos veciños/as de Camelle, a terra dos seus devanceiros NON SE VENDE nin por 5 nin por 50 € o metro.

-Pensar que a acuicultura en terra é a única vía para solucionar a sobrepesca, obviando que os peixes planos consumen proteínas animais (outros peixes) que hai que pescar en todos os mares do mundo, crebando a cadea trofica do océano non é o máis grave. O lamentábel é que unha parlamentaria galega esqueza que hai que mirar polo noso mar, recuperar os recursos mariños e eliminar as ameazas dos vertidos, práticas ilegais etc. antes de dar por perdida a costa e pensar en cultivar os peixes en terra.

-Finalmente, en canto ás afirmacións de que "xentes alleas á Costa da Morte pretendan que a nosa costa, montes, ríos e mar estean exclusivamente para ser contemplados cando van de visita" e que "para eles a Costa da Morte é un parque temático" ou "soportamos os seus aires de superioridade", dicir que amosan unha preocupante falta de respecto por aquelas persoas, ecoloxistas e cidadáns de todo o mundo que coa súa solidariedade e compromiso cívico contribuiron a limpar a costa do chapapote do Prestige. Tildar agora de urbanitas e alleos á Costa da Morte aos que queremos liberala da marea gris de 3 millóns de m2 de formigón que promoven as Sras. Soneira e Gallego cos seus amigos da patronal do peixe plano, é un insulto e unha mostra de demagoxia barata que lembra moito as formas dos seus antecesores do PP.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: