Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
J. L. GÓMEZ MOMPART, CATEDRÁTICO DE XORNALISMO

"Os xornais de Madrid teñen realizado un forte labor de construción da identidade española"

Mompart chama a atención sobre a "trampa" que supón presentar a construción identitaria na periferia como nacionalismo e non facelo coa exercida dende Madrid.

Marcos S. Pérez - 18:55 11/12/2007

O profesor Gómez Mompart abriu o luns o Foro de debate sobre medios de comunicación e identidade, celebrado no Consello da Cultura, e que durante dous días analizou o papel dos medios na construción das identidades e do nacionalismo. Mompart, catedrático de Xornalismo na Universidade de Valencia e catalanista, observa con preocupación as campañas anticatalanas realizadas na Comunidade Valenciana nos últimos anos, e que tiveron nos últimos días o exemplo práctico do peche dos repetidores que reemitían o sinal de TV3.

Moitas veces intenta crearse a idea de que as identidades colectivas só se constrúen dende os nacionalismos periféricos, e que cando iso se fai dende os estados, non é unha construción nacionalista, ¿que opinas disto?
Os medios de comunicación xogan un papel central na construción das identidades, e ten sido moi importante o labor de construción levado a cabo pola prensa de Madrid durante os últimos dous séculos. As cabeceiras de Madrid, tan só polo feito de espallar a súa visión da realidade por todo o territorio, teñen realizado un forte labor de construción da identidade española. Porén, isto non ten sido estudado dende este punto de vista. Como dis, existe un plantexamento tramposo mediante o cal a construción de identidade que levan a cabo algunhas cabeceiras catalanas ou galegas é un acto nacionalista, e o que fan as cabeceiras de Madrid non o é.

Dáse como algo 'natural', 'loxico', en oposición aos nacionalismos periféricos, considerados anomalías en certa forma?

Si, é o que autores como Michael Billig denominan 'nacionalismo banal', que é continuado e aceptado como algo 'natural', 'obvio', tanto a construción e popularización de símbolos, a creación de medios de comunicación 'nacionais', mesmo con esa denominación. Todo iso ten contribuído en todos os Estados á creación dunha comunidade discursiva, á integración dos seus habitantes, e ten servido ás nacións para construírse a si propias.

Pero no Estado Español esa construción nacional non tivo o éxito que acadou noutros Estados...
Non, durante todo o século XIX, que é cando se constrúen os Estados-nación europeos, boa parte da cidadanía española non asume a España como a súa nación, entre outras cousas debido á deficiente implantación da escola pública e á debilidade e limitación xeográfica dos medios de comunicación de Madrid. Seguramente non é até a ditadura de Primo de Rivera que podemos falar dunha construción efectiva da nación española, a través do partido único (Unión Patriótica) e o seu xornal homónimo. É unha base que despois recupera o franquismo, que explota moi ben os medios de comunicación nesta construción nacional, sobre todo a radio e a televisión.

Vivimos aínda os efectos da construción nacional levada a cabo polo franquismo?
Está claro que aínda que moitas cousas cambiaron, queda un pouso moi importante. Afortunadamente, dende a Transición naceron algúns medios que se dedicaron a difundir unha nova forma de identidade española, máis aberta e menos agresiva. E en paralelo, fortalecéronse outras identidades no Estado, que crearon os seus propios ecosistemas informativos.

E en que forma se desenvolveu o conflito valenciano nos medios, esa batalla contra a cultura catalana?
Isto ven da Transición, do que se coñeceu como Batalla de Valencia, na que algúns sectores da dereita en Madrid e Valencia observaron un perigo nun posible achegamento a Cataluña e á dinámica política catalana. A extrema dereita comezou a explotar a valencianidade e a influír en UCD (Attard, Abril Martorell...) e, despois en AP e PP. Neste senso foi moi importante a feroz campaña anticatalanista levada a cabo no xornal Las Provincias dende os anos setenta, e posteriormente a que se fixo a través dos medios audiovisuais públicos. E todo iso agravouse nos últimos anos co conflito sobre o transvase do Ebro. Este sentimento anticatalán que se foi creando vese tamén no fútbol: durante o franquismo o Barça era o segundo equipo dos seguidores do Valencia, mentres que agora, despois de moitas campañas, e da propia acción dos directivos do equipo, o Barcelona é recibido con apupos en Mestalla.

E despois está a teima do goberno valenciano coas emisións de TV3...
Si, os repetidores foron instalados hai vinte anos grazas á iniciativa de Acció Cultural del Pais Valencià. O PSPV mantivo en todo momento unha posición ambigua ao respecto, pero o PP tivo sempre como obxectivo eliminar estas emisións. Cando Zaplana gañou as eleccións en 1995 comezou todo un labor de obstaculación das emisións de TV3, creando interferencias, impoñendo multas, e intentando o peche dos repetidores. Co apagón analóxico, o goberno valenciano atopou a mellor excusa para impedir as emisións e xusto esta noite conseguiu o peche definitivo do repetidor a Carrasqueta.

Hai vías de solución, ao teu entender?
Existe unha proposta do Ministerio de Industria para outorgar un multiplex de TDT extra a Valencia e Cataluña, para que deste xeito as canles dunha e doutra comunidade se poidan ver nos dous territorios. Pero o goberno valenciano non fixo nada por acelerar o proceso e non sei se se resolverá antes das eleccións de marzo.


4,85/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Gómez Mompart abriu o foro de debate organizado sobre 'medios e identidade'
Gómez Mompart abriu o foro de debate organizado sobre 'medios e identidade'