Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NAS VINDEIRAS SEMANAS PODERÍA CLAUSURAR OUTROS DOUS

O goberno valenciano pecha o repetidor de TV3 en Alacante

O conseller catalán de Cultura cualifica a decisión, criticada mesmo por deputados populares en Cataluña, de "medida electoralista" do PP e de acto "hostil".

Redacción - 17:13 11/12/2007



A TV3 xa non se pode ver en boa parte de Alacante, e as emisións no resto das comarcas valencianas, garantidas polos repetidores de Mondúver e El Bartolo, corren perigo. O goberno Camps iniciou hai meses unha nova campaña para impedir as emisións da televisión pública catalá na súa comunidade: impúxolles multas de 300 mil euros ás propietarias dos repetidores (na meirande parte dos casos o colectivo Acció Cultural), e realizou peticións cautelares de peche, que foron denegadas pola xustiza. Porén, agora a xustiza valenciana ditaminou o peche destes repetidores.

O peche do repetidor de Carrasqueta chega despois de meses de negociacións ao redor da proposta do Ministerio de Industria, consistente en outorgar un multiplex dixital máis tanto á Comunidade Valenciana coma a Catalunya para que os programas das televisións autonómicas de TV3 e C9 puidesen verse en ambos os dous territorios. Esta solución, que satisfacía tanto ao Govern catalán coma aos colectivos culturais que defendían as emisións do TV3 na comunidade valenciá, foi aceptada nun comezo polo PP, aínda que dende o goberno valenciano en ningún momento fixeron demasiados esforzos por acelerar o proceso.

Críticas en Cataluña e Valencia

Joan Manuel Tresserras, conselleiro de Cultura e Medios de Comunicación da Generalitat, cualificou a medida do goberno Camps de "absolutamente innecesario" e "acto hostil" e explica o feito na proximidade das eleccións. O PP de Valencia quere facer da loita contra as emisións televisivas catalanas un dos temas centrais da campaña electoral; o PSPV sempre mantivo unha posición moi ambigua neste asunto e María Teresa Fernández de la Vega, cabeza de lista dos socialistas pola provincia de Valencia, aínda non fixo declaracións ao respecto. A irritación en Cataluña é xeral e chega dende todos os partidos, mesmo dende o PP, cuxa deputada Montserrat Nebrera afirmou que o peche "non ten sentido".

Mentres, en Valencia o ambiente entre algunhas entidades culturais, como Acció Cultural del País Valencià e Escola Valenciana, e partidos políticos como ERC, Esquerra Unida e o Bloc, é de "indignación" contra o PP, o PSOE e mesmo contra o goberno da Generalitat. A este respecto, Vilaweb mantén aberta unha enquisa na que máis do noventa por cento dos seus lectores consideran que o goberno catalán non actuou axeitadamente para impedir o peche dos repetidores.

Dende a Batalla de Valencia até hoxe
Os repetidores que permiten ver en Valencia as tres canles públicas da televisión catalana foron instalados nos anos oitenta polo colectivo Acció Cultural del País Valencià. Unha vez que o PP gañou as eleccións autonómicas en 1995, iniciou unha campaña para dificultar as súas emisións, interferindo as emisións do partido de fútbol dos sábados ou as dos informativos de TV3.

Despois comezaron as accións xudiciais e as multas. O goberno valenciano argumentaba que as emisións de TV3 prexudicaban a outras cadeas, ocupando parte das súas frecuencias. O nacemento de La Sexta en 2006 consolidou este argumento. En realidade, a loita da dereita valenciana contra o catalán e a cultura catalana chega dende a Transición, e a chamada Batalla de Valencia e as loitas dos grupos da extrema dereita valenciana contra toda relación ou proximidade con Cataluña.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O repetidor de El Bartolo, en Castellón, podería ser clausurado nas vindeiras semanas
O repetidor de El Bartolo, en Castellón, podería ser clausurado nas vindeiras semanas