Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O fiscal recibirá as conclusións da comisión parlamentaria

A lupa da fiscalía pousará sobre os negocios de Pérez Varela co Gaiás

Outra das recomendacións acordada polos deputados de PSdeG e BNG é a petición dun regulamento da actuación do goberno en funcións.

Redacción - 19:40 10/12/2007

"Quen debe investigar o Gaiás: o Parlamento ou o Fiscal?". Tal era o debate na altura do pasado mes de agosto, en pleno tirapuxa entre as formacións políticas sobre a estratexia fronte ás polémicas que se derivaban do informe do Consello de Contas sobre a Cidade da Cultura. O PPdeG desafiaba xa daquela aos seus rivais políticos a que lle enviasen o informe ao fiscal e teimaba en que non existiría nada ilegal na actuación durante o goberno Fraga.

Daquela, o PSdeG propoñía xa a creación dunha comisión parlamentaria de investigación, mentres desde o BNG preferían que fose desde ese momento a Xustiza a protagonista do proceso. Enleados na rifa, PPdeG, PSdeG e BNG coincidiron finalmente en afrontar o debate na Cámara. O proceso aínda terá outro episodio o próximo 27 de decembro, cando o Parlamento debata en pleno este ditame de conclusións. Malia a belixerancia dos representantes do PPdeG na comisión na defensa da inexistencia de irregularidades, a fórmula oficial dos populares foi erosionada polo propio pai da criatura, o ex presidente Manuel Fraga, cando na súa comparecencia diante da comisión sorprendeu coa súa aposta por distanciarse dos xestores directos do proxecto, neste caso e en especial, do ex conselleirode Cultura.

Pérez Varela no obxectivo das principais investigacións
Socialistas e nacionalistas vanlle propoñer ao Goberno que solicite unha copia de "todas as declaracións de bens patrimoniais realizadas por Xesús Pérez Varela" e solicítaselle tamén á CRTVG que informe ao Parlamento das posíbeis incompatibilidades do ex conselleiro como membro na actualidade do consello de administración do ente e á vez administrador solidario da empresa Chuvieira S.L. O ditame de conclusións subliña que "o mesmo día" no que o conselleiro deixaba o seu cargo, o 5 de agosto de 2005, inscribía xunto con súa muller no rexistro mercantil unha empresa con idéntico obxecto social idéntico ao que constituía o ámbito de competencias do seu departamento.

Pérez Varela é á vez o nome asiduamente citado durante todo o documento, onde se fai peneira das presuntas irregularidades observadas no proxecto até o momento en que o PPdeG deixaba o poder. Aspectos como a concesión sen autorización previa dunha auditoría externa a unha empresa que á vez era beneficiaria de substanciosos contratos de patrocinio de departamentos dependentes da propia Consellaría de Cultura liderada por Xesús Pérez Varela, son recollidos no informe que se lle enviará ao Ministerio Fiscal.

Control dos gobernos en funcións
Os deputados aproveitan para recordarlle ao executivo o compromiso asumido hai xa dous anos sobre a introdución dun regulamento específico sobre o goberno en funcións. Ao fío dos contratos adxudicados polo goberno de Manuel Fraga en plena campaña electoral e tamén unha vez que xa as urnas decidiran o cambio de poder, socialistas e nacionalistas coinciden no Parlamento en lembrar a urxencia de acometer reformas que impidan ese tipo de situacións. Así, subliñan que a actuación dun goberno nese período debe "limitarse á simple xestión ordinaria, prohibíndolle expresamente a adopción de decisións quen de condicionaren ilexitimamente, pola súa transcendencia política ou económica, a acción do novo executivo".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: