Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Unha posíbel sanción de 20 millóns de euros

A UE decide a semana que vén se confía no plan da Xunta para sanear a ría de Vigo

O Goberno expuxo en Bruxelas un proxecto que prevé até 2011 o gasto de 209 millóns de euros para limpar a ría viguesa e outros 150 millóns para o resto do litoral.

Redacción - 09:00 07/12/2007

"Están recollidas todas as esixencias da Unión Europea e incluso se vai un chisco máis aló", explicou este xoves Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente. Vázquez confía en que o Galiza poida evitar a multa de até 20 millóns de euros que se calcula que habería que afrontar polo incumprimento da lexislación europea neste ámbito.

Segundo o plan que a Xunta lle presentou ao propio Director de Augas da Comisión Europea, Peter Gammeltoft, está garantido un orzamento de 209 millóns de euros para que en 2011 a ría de Vigo cumpra co estándar mínimo de limpeza. Alén do plan integral de saneamento para esta zona, a Xunta fixou outros 150 millóns para a licitación e adxudicación de até 20 depuradoras que axudarán ao saneamento do resto de rías do país. O conselleiro insistiu en que o proxecto permitirá solucionar "un problema de importante magnitude cun criterio impecábel". "En dous anos conseguimos facer os deberes que non se fixeron en anos anteriores", comentou ao tempo que criticaba a actuación ao respecto do anterior executivo.

Do total de 209 millóns de euros, vanse destinar 12 millóns para a redución das descargas microbiolóxicas na ría de Vigo e outros 197 millóns para a mellora da calidade das augas. O orzamento da depuradora para a ría de Vigo podería ascender finalmente a 180 millóns de euros, 80 máis dos previsto inicialmente hai dous anos. A Comisión Europea reúnese o próximo martes con este asunto sobre a mesa, para decidir se acepta a proposta de saneamento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: