Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asinado o acordo PSdeG-BNG-PPdeG

A competencia de Tráfico virá acompañada de medios persoais, materiais e financeiros

Os tres grupos pechan o texto para esixiren a transferencia. "A demanda de máis autogoberno é unha evidencia maioritaria na realidade social e institucional galega", salientan.

Redacción - 10:50 06/12/2007
A Garda Civil seguirá patrullando deica 2010

A Garda Civil seguirá patrullando deica 2010

Os grupos parlamentarios de PPdeG, BNG e PSdeG pecharon esta cuarta feira a redacción definitiva da proposición de lei conxunta para esixirlle ao goberno español o traspaso das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria.

No texto exprésase a vontade de que a Policía Autonómica remate o seu despregue nas estradas da comunidade no horizonte de 2010, tal e como adiantou Vieiros. Deica esa data a Garda Civil continuará exercendo as súas funcións.

A norma dispón que a Xunta contará con todas as competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos, e seguridade viaria, agás a facultade de expedir, revisar e cambiar os permisos e licenzas para conducir vehículos, e a matriculación e expedición de permisos ou licenzas de circulación.

O Goberno, a través da Policía Galega, controlará e vixiará o tráfico nas vías interurbanas, función realizada actualmente pola Garda Civil. Para materializar a substitución pídese a colaboración entre as institucións galegas e españolas e ínstase a comezar o proceso "coa maior brevidade".

Contará, ademais, coa facultade de denunciar e sancionar a infracción das normas, e a de formar os axentes e profesores de autoescola. Tamén realizará os exames de condución. Precisamente, estes aspectos estaban excluídos da lei orgánica pola que, en 1997, Cataluña asumiu estas competencias, aínda que posteriormente recolleu mediante Real Decreto.

Transferencia de medios persoais, materiais e financeiros

A iniciativa, que agora deberá ser aprobada en pleno para ser enviada ás Cortes españolas, que a debaterán xa na vindeira lexislatura, dispón que as competencias serán asumidas cando se faga efectiva a transferencia de medios persoais, materiais e financeiros. Estas cuestións acordaranse na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Estado.

No preámbulo os grupos argumentan que a demanda de máis autogoberno "é unha evidencia maioritaria na realidade social e institucional galega". "Non só como camiño para garantir a identidade, senón para lograr benestar e impulsar a nosa modernización estrutural", alegan.

Nesta liña, auguran que este traspaso "vai contribuír directamente a mellor e máis diferenciada atención á realidade específica galega". Baséanse na dispersión dos núcleos de poboación, nas carecterísticas singulares da súa rede viaria e na orografía e na climatoloxía.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: