Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival de cinema de Compostela

The Edge of Heaven faise co Premio do Público en Cineuropa

A película xermano-turca foi a máis votada polas preto de 30.000 persoas que pasaron pola mostra durante este mes.

Redacción - 16:57 04/12/2007

Co maratón máis longo de todos os anos (17 horas de películas bizarras), Cineuropa puxo fin á 21 edición desta mostra cinematográfica que rexistrou unha das maiores afluencias de público da súa historia. Preto de 30.000 espectadores puideron achegarse até as catro salas para ver algúns anacos do mellor cinema actual, seis milleiros máis que na anterior mostra.

E o público é precisamente o protagonistas á hora de elixir a película gañadora. Neste caso, cunha media de 8 puntos, foi a xermano-turca The Edge of Heaven a que acadou o primeiro lugar. Dirixida e guionizada por Faith Akin, esta historia mostra, a través dunha serie de encontros, relacións e mesmo mortes, as fráxiles vidas de seis persoas que conectan durante as súas viaxes emocionais cara ao perdón, e a reconciliación en Alemaña e Turquía.

En segundo lugar sitúanse con 7,9 puntos a francesa Xuntos e máis nada, de Claude Berri, baseada na novela homónima e Fados presentada polo seu director, Carlos Saura, no marco de Cineuropa e inserido na V Mostra Portuguesa. Na categoría de Panorama internacional foi a coprodución libano-francesa Caramel de Nadine Labaki quen se fixo co primeiro posto, mentres que en Norteamérica: cine e poder foi Goodbay América a gañadora, e en Mundo Asia situouse no primeiro posto da lista Syndromes and a century.

Aquí podemos ver o trailer do filme gañador do Premio do Público, The Edge of Heaven


XXI Edición
Esta é, segundo o concelleiro de Cultura Néstor Rego, a mellor edición de Cineuropa, tanto dende o punto de vista do público, como pola calidade dos preto de 120 filmes exhibidos durante a mostra. Un cine “independente, transgresor e difícil de ver nas pantallas comerciais”, que atraeu unha grande cantidade de persoas a Compostela. Este feito marca novos fitos para os organizadores, que xa están a pensar en novidades coas que sorprender ao público para o festival do vindeiro ano.

O director de Cineuropa, Xosé Luís Losa, considera que o respaldo do público é unha “fonte de lexitimación” para a calidade do festival, e comentou que “manter o ton da mostra durante catro semanas é algo moi difícil”. Así mesmo, destacou que este evento cultural é unha “plataforma moi a ter en conta, xa que non existen en Galiza outra similar”.

No ámbito económico, a pesar de que aínda non hai datos definitivos, o concelleiro de Cultura indicou que o festival pecha con equilibrio, cinguíndose aos aproximadamente 300.000 euros que tiñan como orzamento.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: