Un barrio de Reiquiavik desenvolverá “gasolineiras” de gas producido por algas.
Representación do proxecto de 202 Collaborative
O concello de Reiquiavik está decidido a impulsar as fontes de enerxía non contaminantes. Por iso, convocou un concurso público para deseñar o desenvolvemento do barrio de Vatnsmýri que ten moi en conta o desenvolvemento sustentábel e as enerxías renovábeis. Un dos proxectos máis revolucionarios é o que presentou 202 Collaborative.
A idea propón o hidróxeno como fonte de enerxía, e atopa un novo xeito de obtelo. Até agora só se podía obter de depósitos de gas natural ou mediante custosos procesos químicos, e ademais é moi complicado o seu trasporte. O estudo, con sede en Filadelfia (EUA), propón instalar piscinas dunha especie de algas que produce hidróxeno molecular, e situar sobre elas grandes globos para gardar o gas.
A Chalydomonas reinhardtii caracterízase polo feito de que, en determinadas circunstancias, produce grandes cantidades de hidróxeno, que deste xeito se pode aproveitar para o seu uso enerxético. Calcúlase que unha piscina de dez metros de diámetro pode producir hidróxeno dabondo para que unha ducia de automóbiles circule unha semana.
Precisamente, acaba de entrar en funcionamento a primeira gasolineira de hidróxeno na capital islandesa aberta ao público en xeral. As instalacións xa foran as primeiras do mundo en ofreceren o gas a autobuses, hai catro anos.
A compañía Icelandic New Energy, promotora da idea, prevé que a finais de 2008 circulen por Reiquiavik polo menos 40 coches propulsados por hidróxeno. A empresa considera que o hidróxeno é o único combustíbel que pode cubrir a demanda dos de orixe fósil, e que Islandia, polas súas características, pódese converter no primeiro país do mundo en desterrar as fontes de enerxía fósiles a mediados de século.