Concretamente pendurou da web os de Filosofía, materia que se imparte en galego dende 1995.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), dependente da Consellaría de Educación e das tres universidades galegas, comezou a distribuír esta semana os textos para preparar as probas de selectividade na materia común de Filosofía, que dende 1995 se imparte en galego.
Mais, para sorpresa de profesorado e alumnado, todos os escritos están en español, tanto os publicados na web como os remitidos aos centros educativos.
A CIG-Ensino denunciou este feito que considera un "incumprimento do regulamentado en materia lingüística", e que "vulnera os dereitos do alumnado que no momento de realizar as probas deberá contar con modelos de exame en galego para todas as materias".
Queixa ao presidente da CIUG
Xa que logo, remitíronlle unha queixa ao presidente da CIUG, vía Rexistro, onde se lle exixe unha modificación inmediata e a edición de todas as propostas de textos en galego.
"Non é de recibo que unha institución como a Universidade incorra no incumprimento do lexislado en materia educativa, nunha discriminación tan flagrante, e que dea mostras de incapacidade para expresarse no noso idioma", afirmaron.