Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
XVII CONGRESO DO PARTIDO COMUNISTA DE CHINA

China cambia o rumbo

Un novo discurso vén de se institucionalizar en China, a prol dunha sociedade harmoniosa e do desenvolvemento científico. Medra tamén o control de Hu Jinsao sobre o Partido. Un artigo de Xulio Ríos.

TEMPOS Novos - 16:10 27/11/2007
Xulio Ríos é director do IGADI e autor de "Mercado y control político en China"

Xulio Ríos é director do IGADI e autor de "Mercado y control político en China"

Rematou en Pequín o XVII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh). Hu Jintao, líder do Partido e do Estado, acadou parcialmente os seus principais obxectivos. Dunha banda, institucionalizar un cambio de discurso que xa viña propiciando nos catro últimos anos, arredor dos conceptos de desenvolvemento científico e a sociedade harmoniosa, que foron unanimemente aceptados polos delegados. Doutra, afianzar o control do aparello partidario e da súa propia sucesión, que deberá producirse en 2012, sen que agora mesmo quedase sentenciada de todo, inmersa en delicados equilibrios entre as diferentes faccións. O denominador común do evento foi a convicción de que China entra nunha nova etapa, que a debe catapultar definitivamente cara ao centro do escenario político internacional, e que nese proceso, os perigos serán abundantes polo que cómpre estar preparados para afrontalos preservando a propia soberanía, cuestión tamén unanimemente celebrada como irrenunciable.

En paralelo ao Congreso, en Washington, o G-7 reclamaba de Beijing unha "apreciación acelerada" do yuán, a moeda chinesa, e o Congreso, no seu informe anual, denunciaba as fraxilidades e carencias do sistema social e xurídico chinés, as súas políticas en materia de relixión, nacionalidades e dereitos humanos. O día 17, George Bush recibía o Dalai Lama, reforzando a proxección internacional do líder tibetano e augando a festa do PCCh.

Igualmente, na véspera, algúns ex dirixentes veteranos criticaron o rumbo capitalista do PCCh. A web maoflag.net, que publicou unha declaración ao respecto, foi pechada durante varios días e a carta retirada. Outro manifesto, asinado por unhas 12.000 persoas, alertando da inxustiza vixente no país e reclamando reformas políticas e respecto ás liberdades consagradas na propia Constitución, non chegou aos delegados do Congreso, protexidos en todo momento por unha barreira policial infranqueable e presente nos puntos neurálxicos da cidade e nos hoteis onde foron aloxados. Programas de radio e de televisión considerados "inapropiados" foron obxecto de censura polas autoridades co propósito de crear un ambiente "san" para o Congreso.

A presenza empresarial

Unha das novidades foi a presenza dun grupo significativo de delegados procedentes do sector non público da economía. Liu Qingping, profesor no Instituto Tecnolóxico de Beijing, considera que esa presenza non soamente serve para acrecentar a influencia social do PCCh senón que tamén lle proporciona unha nova fonte de poder.

O negocio privado esténdese por toda China. Nos últimos anos, á par que a definitiva regulamentación da propiedade privada, fóronse abrindo a ela cada vez máis sectores, incluíndo o bancario e o bolsista. Máis convencidos da sinceridade do réxime e da seguridade dos seus negocios, os delegados deste sector presentes no Congreso reclamaron políticas preferenciais.

Segundo cifras oficiais, o sector non público produce actualmente o 67 por cento do PIB de China e contribúe con preto do 80 por cento ao crecemento económico do país. O número de pequenas e medianas empresas rexistradas supera os 4,3 millóns, e xeran o 58,5 por cento do PIB. Máis do 95 por cento son de propiedade privada, segundo datos facilitados por Li Zibin, presidente da Asociación Chinesa de Pequenas e Medianas Empresas.

Uns 2,9 millóns de membros do PCCh (outras fontes elevan a cifra a 3,18 millóns) traballan en compañías privadas, que xa empregan a 120 millóns de persoas, o 9,2 por cento da poboación chinesa. Por outra banda, uns 750.000 empresarios participan nos comités locais e nacionais e nas diversas asembleas, tanto no eido partidario como propiamente estatal. Segundo o departamento de organización do PCCh, o aumento deste colectivo dende 2002 foi do 113,4 por cento.

Entre os delegados asistentes tamén figuraban os patróns das máis grandes empresas chinesas, representantes do sector petroleiro, informático, aeronáutico, etc., á cabeza do sector público. Quedan en China unhas 119.000 empresas do Estado, das que 155 son xestionadas directamente polo goberno central (datos de 2006). Entre 2003 e 2006, liquidáronse 31.000. Os beneficios das que subsisten crecen sen cesar, con alzas anuais superiores ao 35 por cento.

O desenvolvemento científico

Este concepto, que foi incorporado aos estatutos do PCCh, remarca a importancia de instar un novo modelo de crecemento que preste atención ás súas consecuencias ambientais, que sexa racional e estruturador da economía e do territorio, afectado de grandes desequilibrios entre a costa e as zonas interiores do país. O novo modelo, a maiores, promove o impulso do factor tecnolóxico e unha nova relación co capital investidor estranxeiro, potenciando unha estratexia específica de difusión das súas importantes reservas, hoxe as maiores do mundo.

Ese empeño nada ten que ver cos episodios recentes que cuestionaron a calidade de certo segmento da produción chinesa, que en Beijing se interpreta como unha vía indirecta para alentar o proteccionismo, cando non para premer sobre o yuán e forzar a súa apreciación.

Pero, por que científico e non simplemente sostible? Do que se trata é de remarcar a importancia da exclusión da ideoloxización. Ao longo do Congreso multiplicáronse os chamamentos clásicos a emancipar a mente e a buscar a verdade nos feitos, sinónimos, na linguaxe política chinesa, non soamente dunha vontade pragmática senón tamén da importancia de encarar os problemas económicos cos pés na terra.

A sociedade harmoniosa

O elevadísimo custo social do proceso de reforma esixía hai tempo unha corrección profunda. O descontento pola polarización e a proliferación da corrupción nos contornos do poder a todos os niveis espertaban o temor a que, como aconteceu en épocas históricas anteriores, a actual dinastía do PCCh fose varrida pola deslexitimación ante unha cidadanía que, se ben alberga poucas esperanzas dunha mensaxe socialmente transformadora do PCCh, si conserva a ilusión por acceder a unha mellora significativa do nivel de vida recollendo beneficios de tres décadas de crecemento imparable.

Datos oficiais indican que o coeficiente Gini de China superou a marca de advertencia do 0,4. O PIB de Shanghai é de preto de 76.000 yuáns, máis de trece veces o nivel da provincia suroccidental de Guizhou. En 2007, 300 chineses máis que en 2006 figuran na lista de multimillonarios de China (un total de 800). Os millonarios chineses (arredor de 345.000) aumentaron un 7,8 por cento en 2006 en relación a 2005, e representan o 13,4 por cento dos millonarios de Asia, acumulando o 20,6 por cento da fortuna da rexión, por detrás de Xapón, que suma o 43,7 por cento da riqueza. Os HNWI (high net worth individuals) dispoñen dunha media de cinco millóns de dólares e unha pequena minoría, menos de 5.000, controlan, segundo un informe das consultoras Merril Lynch e Capgemini, arredor de trinta millóns de dólares cada un. China atópase, nestes parámetros, en quinta posición mundial, por detrás de Estados Unidos, Xapón, Reino Unido e Alemaña.

Mentres, o ingreso per cápita nas zonas rurais segue sendo, de media, inferior a 3.600 yuáns. A renda media anual dos habitantes urbanos foi en 2006 de 11.759 yuáns, 3,28 veces máis que a dos campesiños (3,22 en 2005 e 3,21 en 2004).

Xunto á elevación dos ingresos no medio rural e a mellora xeral das infraestruturas, o esforzo no próximo lustro concentrarase no aumento do gasto social, poñendo a disposición do conxunto da poboación os servizos básicos de educación, saúde, etc. No Congreso, o viceministro de saúde pública, Gao Qiang, asegurou que en 2020 toda a poboación gozará de servizos médicos (serán 1.500 millóns de habitantes daquela). Actualmente, segundo fontes oficiais, o 82 por cento da poboación pode acceder ao servizo médico cooperativo. En 79 cidades funciona un proxecto piloto de sistema médico que podería estenderse ao conxunto dos residentes urbanos en 2010. A implantación do mínimo vital estúdase para aplicar nas zonas rurais do país.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: