O Simposio Internacional organizado polo CIP afronta as súas derradeiras xornadas coas conferencias destes dous referentes internacionais da loita contra a pobreza.
François Houtart
Pobre Mundo Rico afronta á súa última semana coa participación do director do Centro Tricontinental de Lovaina La Nueva de Bélxica e teólogo da liberación, François Houtart, que falará sobre a loita contra a pobreza, a desigualdade, a inxustiza e o compromiso social en Vigo, Ourense e Compostela. O relator é un dos impulsores do Foro Mundial das Alternativas e do Foro Social Mundial, e achegará a Galiza a súa opinión sobre A construción anti-imperialista e antineoliberal.
Houtart estará acompañado o martes en Vigo e o mércores en Ourense polo presidente do Instituto do Sol de Brasil, José Walker Bautista Vidal, que falará sobre "Cultivar contra a pobreza", ofrecendo unha alternativa: "O cultivo das enerxías vexetais". O xoves en Compostela o segundo relator será o frade dominico, teólogo da Liberación e escritor Frei Betto que dará a súa opinión sobre a Pedagoxía da Liberación.
Ao longo destes dous meses pasaron por Pobre Mundo Rico máis de 100 persoas, que participaron como conferenciantes ou relatores das Mesas-Debate nas sete principais cidades de Galiza.
Última sesión de Cinema contra a Pobreza
O filme escollido para poñer fin a este ciclo de proxeccións é “Século da xente”, o último capítulo da serie Voces contra a globalización...outro mundo é posíbel?, que dá resposta, mediante unha linguaxe audiovisual documental, a moitas das preguntas formuladas ao longo deste Simposio Internacional organizado polo Club Internacional de Prensa.
Este sétimo capítulo céntrase nos sucesos de Seattle e Xénova, acode ao Foro Internacional de Porto Alegre e ao de Caracas e expón a pregunta de se realmente outro mundo é posíbel, engadindo as puntos chave de como ten que ser esa nova sociedade que xa está a nacer.