Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NO TEATRO ROSALÍA DA CORUÑA

O Centro Coreográfico estreará 'Kiosco das almas perdidas' en febreiro

Un espectáculo propio e tres coproducións constitúen a aposta do Centro Coreográfico Galego para a tempada 2007-08, presentada o mércores na Coruña

Redacción - 12:18 22/11/2007

Kiosco das almas perdidas é o título da nova produción do Centro Coreográfico, unha peza dirixida polo coreógrafo tarraconense Roberto Oliván e con música de Mercedes Peón na que convivirán diferentes disciplinas artísticas. Tras unha residencia técnica en Laboral Escena (Xixón), a peza estrearase o 29 de febreiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e iniciará despois unha xira que inclúe a súa presentación no Teatro Central de Sevilla, espazo referente para a programación das compañía internacionais de danza.

Arredor desta produción desenvolverase unha intensa actividade formativa, que contempla a celebración de aulas abertas cos bailaríns de Kiosco das almas perdidas, así como de obradoiros para o público xeral en cada un dos lugares onde a peza sexa representada.

Presentación da nova tempada

O Centro Coreográfico Galego enfronta a súa temporada 2007-2008 co obxectivo de consolidar o seu labor a prol do desenvolvemento da danza en Galiza a través dun amplo programa de creación, produción, investigación e formación que foi presentado na Coruña pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Este programa de actividades, que se estenderá até xuño de 2008, inclúe a coprodución doutras tres pezas coreográficas: Negro, montaxe para a que o coreógrafo canario Daniel Abreu contará cun equipo galego formado por tres bailaríns e unha fotógrafa; Tradicción, espectáculo no que a compañía coruñesa Nova Galega de Danza volverá indagar nas raíces da nosa cultura na procura da contemporaneidade; e Femenine, creación do portugués Paulo Ribeiro, último coreógrafo da Fundación Gulbenkian.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: