Fran Pérez, Narf, presenta o seu segundo disco, 'Totem', 13 novas cancións editadas por Falcatruada e á venda dende o 20 de novembro.
Mozambique, Inglaterra, Galiza, o océano. A música de Narf viaxa por riba dese océano, tocando unha e outra costa, contando historias cotiás con sons e ritmos de todo o mundo. A música de Narf é unha viaxe, a mesma viaxe que leva realizando vinte anos Fran Pérez, guitarra ao lombo. De aí, en parte, o título do seu novo disco, 'Totem'.
Conta Narf que "un tótem é un cruceiro sen brazos, un faro para os mariñeiros de terra. Cando un viaxa polo mundo adiante alimentado por ningunha outra cousa que o interese pola arte, é bon deixar pegadas sobre as encrucilladas de camiños para atopar o camiño de volta a casa". Narf volve a casa, despois dunha exitosa xira por Inglaterra, con concertos en Newcastle, Londres e Brighton.
'Totem', editado por Falcatruada, está á venda dende o 20 de novembro, e sucede a Só Tambor (2006). Narf actuará o 14 de decembro en Lugo, onde presentará as súas 13 novas cancións, entre as que destacan Santiago, Galician Lullaby ou Quero ser Tambor.