O Pazo Quiñones de León (parque de Castrelos, Vigo) acolle unha exposición-homenaxe sobre Xohán Ledo, un dos grandes renovadores do libro galego
As veces os libros non se len. Ás veces os libros son tamén para mirar por fóra. O 20 de novembro inaugúrase no Pazo Quiñones de León, en Vigo, unha exposición-homenaxe dedicada a Xohán Ledo, principal ilustrador e deseñadors dos libros de Galaxia e máis de Grial entre 1951 e 1983. A mostra, titulada 'As caras do libro' e comisariada por Gustavo Garrido, complementarase cunha serie de mesas redondas sobre a edición e o deseño. Estará aberta até o 20 de xaneiro.
O visitante pode contemplar un aspecto moi pouco coñecido do artista: a súa obra pictórica. Óleos e lenzos, deseños e apuntes gráficos que Xohán Ledo só expuso en dúas ocasións durante a súa longa vida (1917-2006). Asemade, dedícase unha sala específica á edición ("As caras do libro") con diversas mostras da produción do creador neste eido específico, e outra a aspectos biográficos e de contexto histórico. O conxunto foi ordenado artisticamente por Fausto Isorna.
Trinta anos de libros e imaxes
Ricardo García Suárez (Xohán Ledo) foi o principal ilustrador e deseñador dos libros da Editorial Galaxia e a revista GRIAL dende 1951 ata 1983, data na que toman o relevo os novos deseñadores: Manuel Janeiro e Francisco Mantecón. Máis de 30 anos creando libros e imaxes, nun esforzo xeneroso que encheu de orixinalidade e marcou cunha rexa personalidade a edición galega. Luis Seoane dende o exilio arxentino e Xohán Ledo dende os obradoiros de Galaxia foron os principais motores da imaxe gráfica do libro galego durante eses anos.