Alumnos das tres universidades galegas e as portuguesas do Minho, de Porto, de Tras-os-Montes e do Alto Douro participan nas mini-olimpiadas galego-portuguesas (do norte).
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, asistiu na segunda feira á presentación dos Xogos Galaico-Durienses, que comezan esta terza feira no Campus de Pontevedra, e continúan deica a quinta feira 22 de novembro.
Os Xogos Galaico-Durienses
Por primeira vez organizáronse o ano 1993, naquela altura, na Universidade da Coruña: Todos os anos mudan de universidade (dun campus a outro das tres galegas e das catro portuguesas). Xa van vintedúas edicións de mini-olimpiadas galego-portuguesas, cos campionatos de baloncesto mixto, fútbol sala mixto, voleibol mixto, orientación, tenis de mesa, duatlón cross e xadrez.
Este ano participan á volta de 50 alumnos por cada unha das seis universidades de Galiza e do Norte de Portugal; sonche un total de 300 deportistas.
A Universidade de Vigo nos Xogos Galaico-Durienses
A Universidade de Vigo, que forma parte desta competición dende o comezo, conta xa cunha longa tradición. Tras ser anfitrioa tres veces, dende a primeira edición, esta universidade conseguiu uns resultados moi positivos: case sempre ocupou un dos tres primeiros postos (seis primeiros, catro segundos e catro terceiros).