Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIO INTERNACIONAL DE LITERATURA INFANTIL

Marisa Núñez: “Cos nenos non te enganas; se lles gusta un conto, sábelo”

A autora converteuse o domingo na primeira autora da Península en gañar o Premio Internacional de Literatura Infantil da Fundación 'Espace Enfants', co libro 'Chocolata'

Marcos S. Pérez - 18:15 19/11/2007

"Chocolata toma o seu baño diario na lagoa. Un día escoita que na cidade hai unha casa de baños, e sae de viaxe coa intención de probala...". ¿É quen é Chocolata? Chocolata é unha hipopótama "á que lle gusta enlamarse". Marisa Núñez converteuse o domingo na primeira autora da Península en gañar o Premio Internacional do Libro Infantil 'Espace Enfants', co seu libro 'Chocolata', ilustrado pola austríaca Helga Bansch e publicado pola editorial galega Oqo en galego, castelán, catalán, inglés, francés e portugués. Nacida en Sarria, Marisa leva vinte anos traballando como mestra de educación infantil. Esta mañá recibiu no colexio moitísimas felicitacións de antigos alumnos (agora algo máis grandiños) e de seus pais.

Vieiros: Sorprendida polo premio? Sabías que o teu libro competía ou foi cousa da editorial?

Marisa Núñez: Comunicáronme que gañara uns días antes de facelo público, pero si, no momento fiquei bastante sorprendida. Sobre todo polo que dis, porque nin sabía que a editorial presentara o libro. Creo que foi o ano pasado en Bolonia, que os membros da organización do premio foron por cada stand pedíndolles aos editores que presentaran as obras.

Pero a noticia é moi importante, non? A primeira vez que un libro escrito na Península gaña o premio...
Si, é a primeira vez. E é moi importante porque isto permitiranos estar aínda máis presentes a nivel internacional, nas feiras do sector. E estou moi contenta tamén polo carácter do premio, por quen o outorga, a Fondation Espace Enfants.

Cantos anos teñen os teus alumnos?
Son mestra de infantil, dou todo o ciclo, entre 3 e 5 anos.

Contácheslles que gañaches? Felicitáronche?
Os rapaces aos que lles dou clase agora son demasiado pequenos para saber o que é un premio. Pero si que me viñeron felicitar antigos alumnos, e tamén seus pais.

O feito de darlles clase aos meniños Inflúe moito no que escribes?

Cos nenos non te enganas. Se lles gusta un conto gústalles, e sábelo, e se non lles gusta tamén o sabes. Con eles sabes se un conto funciona.

Quen é 'Chocolata'?
É unha hipopótama (en realidade iso sábese pola ilustracións, os personaxes no texto teñen perfís humanos), que se está a bañar na súa lagoa e escoita que hai unha casa de baños na cidade. Como lle gusta moito a auga e enlamarse (de aí o de 'Chocolata') vai e coñece a urbe. Merca moitas cousas e ao volver a casa, desfaise de todo o que mercou, decatándose do que de verdade é importante e desprendéndose do que non necesita.

'Chocolata' está traducido a oito linguas. A literatura infantil é universal?
Os contos teñen que ser universais, si. Despois os nenos aprópianse e fanos seus, aprendendo deles, sobre o mundo, sobre a interculturalidade.

A que cres que se debe o éxito que colleita a literatura infantil galega en todo o mundo?
Agora hai máis ambición literaria e estáse facendo un esforzo por editar álbumes de calidade e por traballar con xente moi boa, xente de todo o mundo. Cando iso se consegue facer un libro de calidade, o éxito está asegurado.

Pensas abandonar o ensino nalgún momento?
Creo que non, como moito nalgún momento tomarei un descansiño. É importante non perder nunca de vista ao receptor e recuperar a mirada da infancia. Aos nenos pódeselles falar de calquera, de que calquera tema, só hai que coñecer o código.


4,22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marisa Núñez é mestra de Educación Infantil
Marisa Núñez é mestra de Educación Infantil
'Chocolata' traduciuse a oito idiomas
'Chocolata' traduciuse a oito idiomas