Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
I Encontro na súa lembranza

Man de Camelle volve a Camariñas, mais o seu espírito nunca marchou

O Alemán de Camelle volve ser o protagonista nunha xornada na que participan personaxes dos diferentes ámbitos da cultura galega.

Redacción - 09:15 17/11/2007

Manfred Gnädinger, Man de Camelle, segue a deixar o seu legado, cinco anos despois da súa morte. Un grande número de personaxes da cultura galega reúnense en Camariñas para homenaxear a obra que este home e artista realizou na vila coruñesa. A xornada inclúe a proxección do documental O alemán de Camelle, que emite a TVG e dunha curta en 3D sobre esta excepcional figura.

Bernardo Cequera, o director do documental, é o encargado de dar o pistoletazo de saída a esta xornada, na que participan artistas de renome como o pintor Antón Castro, as escritoras Rosa Aneiros e Yolanda Castaño, o tamén escritor e xornalista Antón Lopo ou o arquitecto Juan Creus, que colaborarán por rememorar a figura de Man cos seus relatorios. Así mesmo, tampouco quixeron desaproveitar esta ocasión os escritores Suso de Toro e Xoán Abeleira.

As Illas Baleares, estarán presentes neste encontro repersentados polo seu secretario de Presidencia, Antoni Torres Martorell, debido á especial relación destas illas con Camariñas pola súa colaboración trala catástrofe do Prestige.

Man no cinema
Pola tarde está prevista a proxección de Man, unha curtametraxe de xénero fantástico dirixida por Juan Carlos Abrales e Luis Faraón, mentres que ás 17:30 a TVG emite o documental O Alemán de Camelle, que descubre datos sobre a vida deste insólito personaxe. Continuarase coa iniciativa Man por Man, por parte do colectivo Burla Negra, que estará presentada por Miguel de Lira. Tamén haberá música a cargo de Uxía Senlle e Roberto Sobrado.

O I Encontro Man de Camelle xurde como iniciativa do Concello de Camariñas, a raíz da presentación do proxecto para o Museo, que vai ser restaurado para que todos poidan ver a obra de Man, coformada por fotografías ou figuras feitas con plásticos, entre outras moitas cousas.


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: