Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura

"Agora hai unha definición clara, un proxecto rigoroso e serio"

Así o subliñou o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, na súa intervención deste venres na comisión do Gaiás.

Redacción - 12:00 16/11/2007

Había unha "idea" ou en certo modo "un plano que se ordeaba na fantasía". Así se referiu este venres o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, á herdanza chegada do executivo de Manuel Fraga ao respecto da Cidade da Cultura. Fernández Antonio explicou polo miúdo como o novo goberno tratou de converter en obxectivos reais as vaguidades deixadas polos anteriores responsábeis. Criticou especialmente que no momento de acceder á Xunta, se atoparan coa ausencia dun plan de viabilidade económica e salientou o esforzo do novo equipo no deseño de obxectivos e "plans concretos de acción que garantan o cumprimento deses obxectivos".



"Agora sabemos cal é o porto de destino", afirmou. O conselleiro referiuse criticamente á intervención do anterior responsábel de Economía na mesma comisión, e laiouse de que non asumise a súa implicación no proxecto, insistindo pola súa banda en que "o actual asume as responsabilidades de goberno nos grandes proxectos, e tamén na Cidade da Cultura". "Non hai máis custos, senón máis responsabilidade", comentou, recordando que a estimación de gasto, 475,9 millóns de euros, sae dos compromisos deixados polo executivo anterior en agosto de 2005. Polo miúdo, os 475,9 millóns de euros totais, segundo debullou o conselleiro, son a suma do investimento en construción de obra, 384 millóns de euros, e por outro lado o investimento en equipamentos técnicos, 69,3 millóns. Ademais, estabeleceuse unha partida para incidencias no proceso de construción e equipamentos de até 22,5 millóns.



"Eficacia" e "viabilidade"

"Temos unha visión, un plan de cara a onde ir, sabemos o custe: todo isto non son prognósticos, son compromisos", dixo. "Cando se manexan os recursos dos cidadáns hai que saber o que se vai facer con eles", relatou Fernández Antonio, comentando o ermo dos caixóns da consellaría á súa chegada no que respecta a calquera tipo de estudo sobre o proxecto do Gaiás. O responsábel de Economía destacou que se desenvolveron os criterios e as estratexias necesarias para asegurar a "sustentabilidade económica", e que á beira de cada unha das actividades que están sendo proxectadas se vai realizando unha análise da súa viabilidade. Nese sentido, sinalou que o novo proxecto fornece actividades que permitan o sostén económico e asegura a eficacia na xestión.



O conselleiro explicou por exemplo como en 2002 o goberno Fraga encargou unha auditoría que por motivos descoñecidos nunca chegou a facerse público. Contrapuxo o responsábel de Economía a actitude do actual goberno, que encargou en setembro de 2006 unha auditoría externa da que se coñeceu informe en maio de 2007. "Un informe que axuda e mellora á xestión", defendeu, "con suxestións aceptadas e incorporadas". Citou ao respecto modificacións introducidas, en orzamentación ou contabilidade e ao fío da adaptación á lei de transparencia. "Isto é un cambio, un antes e un despois", subliñou.



Fernández Antonio indicou así que os obxectivos básicos do modelo de xestión proposto garantirán o control público estreito e un desenvolvemento do proxecto "áxil, flexíbel e eficiente", un tratamento orzamentario "viábel" e baseados nunha planificación estratéxica a partir da nova política cultural da Xunta. "Cremos na Cidade da Cultura", sentenciou o conselleiro de Economía.


3,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: