Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
No porto de Vigo

Mariñeiros africanos péchanse dez días nun barco para esixiren o soldo

A CIG presionou a empresa armadora, de Portugal, que finalmente lles pagará este xoves segundo as condicións dun contrato europeo.

Redacción / EP - 19:01 14/11/2007

A CIG denunciou este mércores que seis tripulantes do barco de bandeira portuguesa Bravo Aveiro permaneceron pechados no mesmo dende que chegara ao porto de Vigo hai dez días. A empresa armadora, segundo informaron, non lles paga o salario dos tres últimos meses.

Farline, que é como se chama a propietaria do buque, prometeulles que ían pescar en augas africanas aínda que posteriormente levounos a faenar a augas europeas baixo a escusa de darlles "un contrato europeo porque era mellor", explicou o cociñeiro da embarcación, Carlos Antonio Dalomba.

Tras realizar varias paradas na súa ruta e faenar durante uns 45 días, remataron en Vigo, onde realizaron a descarga. Aínda que un representante da empresa lles dixo "que ía facer o contrato e ía pagar", pasaron os días e finalmente lles dixeron que "había que volver embarcar" sen cobrar.

Os mariñeiros, dous de Cabo Verde e catro do sur de África, negáronse e mantivéronse pechados na embarcación, subsistindo cos víveres que aínda quedaban no barco. Finalmente puxéronse en contacto co sindicato nacionalista.

Por tres meses, 400 euros

Fernando Fonseca, responsábel de CIG-Mar explicou que, nun principio, a empresa pretendía darlles 400 euros a cada un polos tres meses traballados mais que aínda non llelos aboaran "por medo a que marchasen".

En canto á tripulación da nave, precisou que, ademais dos africanos hai tres indonesios que teñen o seu contrato en regra, e que non realizan a protesta dos seus compañeiros.

Fonseca, que conseguiu chegar a un acordo co representante empresarial, ten previsto reunirse este xoves as 10.00 horas para verificar que se cumpre co prometido. A compañía comprometeuse a pagar un salario, coas condicións europeas, de 800 euros mensuais aos mariñeiros e 1.500 euros ao cociñeiro, ademais de facilitarlles os billetes para poder regresar aos seus respectivos países.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: