Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Ante a seca, ADEGA demanda medidas estruturais na xestión da auga

ADEGA demanda medidas estruturais na xestión da auga

O grave episodio de seca que estamos a viver nestes meses na Galiza non é un suceso puntual, pola contra vense engadir aos que xa sufrimos nos últimos anos. Lamentablemente a problemática da auga só está de actualidade durante as épocas de seca, e deixa de estalo unha vez chegadas as chuvias, é dicir unha vez “solucionado" o problema.

ADEGA - 14:12 14/11/2007
Tags:

A seca non vai ser un fenómeno puntual, o Observatorio da Sustentabilidade en España, na súa publicación "Sostenibilidade en España 2006", amosaba como Indicador de Sustentabilidade Ambiental concretamente do cambio global, o cambio de precipitación. Para o Observatorio a situación deste indicador é “estado actual desfavorábel”.
Constátase como nas décadas recentes experimentouse un cambio nos fenómenos extremos de chuvia, como a seca meteorolóxica, e que actividade humana está modificando os cursos de auga, tanto de forma directa polo quecemento global, como a través do efecto que ten sobre o crecemento das plantas unha maior concentración de CO2 no aire.

Na avaliación que se realiza neste informe, obsérvase unha diminución promedio do 8% na precipitación do estado entre 1931 e 2005. O comportamento peninsular da precipitación no período de 75 anos estudado, mostra unha tendencia á redución nas tres zonas diferenciadas (atlántica, cantábrica e mediterránea).

ADEGA entende que esta situación debe tomarse como o que é, un problema ambiental que non se debe plantexar unha vez que chega a seca senón que se debe traballar durante todo o ano.

Non falamos tanto de medidas administrativas e obras de cara á época de seca, senón tamén, e sobre todo, de medidas a medio-longo prazo que nos permitan reducir o actual abuso no uso da auga, a nosa dependencia dela, e os impactos ambientais derivados.

Debemos traballar con visión de futuro por unha Nova Cultura da Auga, algo que é o cerne do debate en medio mundo e que aínda non ten chegado ao noso país, xa que en Galiza “sobra a auga”.

ADEGA demanda do goberno como das administracións locais, medidas urxentes pero tamén estruturais que fomenten unha cultura da auga aforradora e eficiente. A auga é un recurso limitado e esencial para a conservación da diversidade biolóxica, dos ecosistemas naturais, das paisaxes e do equilibrio ecolóxico. Compre rematar co seu malgasto e xestionala como o que é: un ben sen o que no pode vivir nin os seres humanos nin a natureza.
ADEGA reitera -unha vez máis- algunhas PROPOSTAS para traballar nesta liña:

1.- Debe reducirse nos fogares a cantidade de auga “mínima” a consumir por unha cantidade máxima. A cantidade mínima actual pola que se factura en moitos concellos é moi alta polo que poucas veces se chega a acadar, isto dá a imaxe de que a auga sobra e mesmo que é barata. A OMS recomenda 150 litros diarios por persoa para unha vida digna, esta podería ser a cifra de referencia. Unha vez superada esa cifra os fogares, empresas... deberán pagar máis caro o litro consumido. Algúns países ou comunidades de Europa teñen adoptado incluso límites máis baixos, como os 120 l/hab.día das novas urbanizacións alemás.
2.- Moitos fogares do noso pais non pagan recibo da auga e tampouco teñen contadores individuais da mesma. A instalación de contadores individuais permitenos coñecer o que consumimos e non estar pagando ou escondendo o malgasto de doutros. Un Real Decreto e unha orde Ministerial dos anos 80 recolle esta abriga.
3.- En épocas de crise como a actual, habería que reducir ao máximo o consumo de auga para rega de xardíns, limpeza de ruas... O resto do ano facelo moderadamente. Cambiar o modelo de xardinería actual de herba verde todo o ano por outro eficiente en auga con especies autóctonas, que precisen pouca auga, debería ser unha primeira actuación que iría acompañada outras como o rego por goteo, evitar regar en horas de sol (xa que boa parte da auga se evapora) e por suposto non regar con auga potábel, facéndoo con auga de chuvia almacenada.
4.- Reusar a auga da chuvia: un sistema que permite aforrar auga potábel para rega de xardíns, o inodoro, e outras aplicacións, etc.
5.- Reusar augas grises: as augas grises son as lixeiramente sucias recollidas da bañeira, lavabos e lavadora. Hoxe en día existen sistemas de depuración que mediante unha reciclaxe interna permitan empregar estas augas para rega, cisterna, etc, evitando o consumo de auga potábel. Estes sistemas poderían aforrar uns 45 litros de auga en fogares e 60 litros na hostalaría. Este sistema reduce tamén a xeración de augas residuais. É especialmente indicado para urbanizacións e dependencias da hostalaría.
6.- Ordenanzas municipais que obriguen a instalar mecanismos aforradores de auga en edificios públicos, de nova construción, hoteis, etc.
7.- GriferÍa economizadora: os sistemas aforradores para a grifería poden supoñer un 50% do caudal sen que implique unha merma no servizo. A súa aplicación é universal, podendo atinxir a todas as vivendas, tanto novas como xa construídas, e dunha forma moi económica.
8.- Aforro de auga en electrodomésticos: hoxe en día existen electrodomésticos como lavadoras ou lavavaixelas que teñen un consumo moi baixo de auga (menos de 71 litros por colada e de 23 litros para o lavavaixelas), sistemas de prelavado ou posibilidade de empregalas a media carga. A mellor actuación, ademais da información e a sensibilización social, é a aplicación de instrumentos fiscais, cargando impostos sobre a venda de electrodomésticos pouco eficientes.
9.- A Educación Ambiental é fundamental para acadar o éxito das medidas tomadas. Informar a cidadanía, facelos partícipes do traballo a desenvolver así como reforzalos positivamente e informalos dos logros acadados é algo que debe levar a cabo paralelamente á aplicación das medidas de xestión.
10.- Antes de adoptar medidas de novas captacións e transvases para reforzar o subministro de auga a zonas deficientes débese facer un estudo do potencial de aforro especificado por sectores (doméstico, industrial, servizos, administración pública, etc) e adoptar como primeiro paso todas aquelas medidas económica e socialmente viábeis, que son muitas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: