Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Hai cinco anos

Polos Vieiros da rede, a liberdade somos todos

"Aquí estamos, fabricando en cadea Liberdade de Expresión", deixaba un lector escrito en Vieiros hai cinco anos. Xuntos, nós e vós, facendo rede na procura da liberdade.

Redacción - 09:00 13/11/2007

"A información é de todos", deixaba escrito un voluntario chegado a Laxe dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Eran días escuros do Prestige, pechando novembro de 2002, en Compostela virá a luz a Plataforma contra a Burla Negra, que como primeira actividade se achegaba até a Casa da Cultura de Laxe para iniciar un peche que duraría até o día da gran protesta nacional, o seguinte 1 de decembro.

Aló estivo Vieiros, fornecendo unha fiestra tecnolóxica desde a que poñer en contacto a todo quen en Galiza e no Mundo coincidía en erguer a voz contra a Burla. A pé dos teclados vieirescos nacería o espazo da Burla Negra, mantido por ducias de persoas entregadas á causa: "Somos persoas dispostas e activas que cremos na cultura, no ensino e na información como formas de mover o mundo. Ninguen nos vai calar. "Somos piratas"

Foron horas de desvelo e traballo, dunha redacción pequecha, dunha gamela informativa nun mar de petroleiros mediáticos, pero aló sentimos que eramos máis. Deunos forza o alento dos que axudaron a manter a esperanza e a mobilización.

Abriuse a rede:

Soaba o teléfono de Vieiros. "Ola, quería saber como teño que facer para ir limpar chapapote", "Boas tardes, mira, quería ir de voluntario, explícasme como facer", "Bos días, chamámosvos de Biscaia, somos un grupo organizado, xa dispoñemos de material e transporte e queriamos saber como se coordinan os traballos, a onde podemos dirixirnos".

A web ameazando caer a cada paso pola multiplicación das visitas, a urxencia de mudar máquinas para atender a crecente demanda de acceso a Vieiros.com. Os teléfonos fervendo na redacción vieiresca. Paradoxalmente eran moitas as chamadas que pedían orientación para viaxar ás costas galegas a limpar o piche. Por se non caéramos na conta, o recuncho de Vieiros semellaba terse convertido en referencia á hora de seguir a última hora da situación. Case sobrepasados polo traballo, a tribo unía ao quefacer xornalístico unha inesperada labor de orientación ao potencial voluntariado que non tiña aínda vía oficial ningunha por onde canalizar a súa solidariedade.

E no medio da tolemia, mentres poñíamos, nós e vós, o grao internáutico que ía sumando voces, combatendo indiferencias, derrotando mentiras... internet era punto de encontro para outro gran desafío. Buscando horas entre os minutos, aquí se deseñaba e poñía a andar tamén a web da Plataforma Nunca Máis, o lugar onde as ducias de colectivos de todo o país que procuraban a información para a seguinte convocatoria, a idea para a nova actividade, miraban a última hora desa voz que nos uniu.

Reflexionabamos daquela:

"O mar somos nós", esgarabellou a escritora Rosa Aneiros no diario do peche en Laxe, "Non é cuestión de subvencións. Nin de turismo, nin de mercado, nin tampouco de beleza paixasística. Esta marea negra abránguenos a todos. Como sociedade responsable debemos concienciarnos de que a morte dos nosos recursos é tamén a nosa morte. Porque o mar somos todos. Nós. Ti tamén".
A rede tamén somos todos. E antes que a rede foron as persoas. Agora ben, as persoas e a rede, unha rede de persoas que non pensabamos que existira, unha rede virtual que xorde fronte a unha burla do real, se cadra, contra unha Burla Negra.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: