Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Activo espazo cultural na Universidade de Cork

Dez anos do Centro Irlandés de Estudos Galegos

O departamento, creado por David Mackenzie, conta na actualidade con 39 alumnos. Crónica de María Golpe.

María Golpe - 14:00 11/11/2007

O ano 2007 marca o décimo aniversario da creación do Centro Irlandés de Estudos Galegos, creado e dirixido por David Mackenzie, e incluido no Departamento de Estudios Hispánicos da Universidade de Cork (UCC).

David Mckenzie, escocés de orixe e galego de adopción, xa creara tamén o centro de estudos galegos de Birmingham (Reino Unido) aló a finais dos oitenta. "O de Birmingham foi o primeiro centro de estudos galego solicitado no Reino Unido ainda que despois se nos adiantaron os de Oxford e abriron ese antes. Manolo Regueiro, Director-Xeral de Política Lingüística daquela, sempre me dixo: onde ti esteas, sempre haberá un centro de galego" di Mckenzie.

Mckenzie fuxiu da Inglaterra do Thatcherismo a mediados dos 90, tras aceptar o posto de catedrático na Universidade de Cork, para dirixir o Departamento de Estudos Hispánicos, no que se inclúe o Centro Irlandés de Estudos Galegos.

O poeta e filólogo noiés Martín Veiga Alonso, gañador do Premio Esquío de Poesía en 2003, foi o segundo lector de galego do centro. Veiga Alonso chegou a Cork no curso 99/00, o terceiro ano de funcionamento do centro. Despois de seis anos de lector, agora ocupa un posto de profesor de español no Departamento de Estudos Hispánicos, ademais de ser Escritor Residente e Director do Centro de Creación Literaria no UCC.

A el se lle debeu o simposio organizado en Cork no ano 2003 para celebrar a obra de Antón Avilés de Taramancos. O congreso sobre Taramancos incluíu un recital multilingüe no que se leron poemas de Avilés, así como poemas escritos por autores irlandeses inspirados na obra do poeta de Noia. Mckenzie traduciu unha antoloxía de Avilés de Taramancos ao inglés e varios escritores irlandeses escribiron cadansúa peza inspirada nos textos de Avilés, que logo foron traducidos ao galego por Martín. O éxito do simposio resultou tamén na publicación do libro “Raiceiras e vento. A obra poética de Antón Avilés de Taramancos” (Laiovento, 2003), no que se compilan as pezas recitadas.

"O centro non só me deu moita liberdade para facer cousas, senón que me incentivou a facelas. Teño que valorar todas as facilidades que me deu para facer cousas e difundir a cultura galega aquí, que é o noso traballo" di Martín.

O centro ten un programa constante de conferencias, que viron pasar por Cork, entre moitos outros, a Manolo Rivas, Suso de Toro, Darío Villanueva, Gabriel Rei Doval, Berrnadette O’Rourke, e un longo etc.

O centro de estudos galegos tiña cinco alumnos de galego cando chegou Martín e ó longo dos anos o número de alumnos interesados na materia foi medrando ata chegar a 39. "O número de alumnos vai alternando dependendo dos anos" di Mckenzie, "pero tendo en conta que hai unha oferta tan ampla de optativas é un número moi bo". Cando o centro comezou, había unha materia de galego, que incluía lingua e literatura, actualmente están divididas en dúas materias (cultura galega e lingua galega). Cultura galega parece ter mais éxito entre os alumnos, segundo Mónica Ares, lectora de galego no centro.

Os motivos polos que os alumnos escollen estudar galego ou cultura galega son variados. Moitos deciden estudar galego despois de botar un ano de Erasmus en Galicia. "O que pasa é que o departamento ofrece tamén portugués e catalán, ademais de galego e o galego solápase algo co portugués", di Gonzalo Camiña, profesor de lingua española en UCC.

"Só se pode escoller unha lingua a maiores do español, por iso non triunfa máis. Tamén hai que entender que moitos están interesados en aprender portugués porque van ao Algarve de vacacións ou porque queren mercar unha casa en Portugal. Ronaldinho tamén fai moito polo catalán. Por sorte ou por desgracia, Galicia sona menos"

Mckenzie engade que, á hora de promover a lingua no estranxeiro o turismo ten un papel máis importante do que pode parecer a simple vista. "O que non ten Galicia é o que ten Catalunya, a costa de veraneo, como a Costa do Sol, a Costa Brava... ingleses, alemáns, irlandeses… van a Valencia e á costa mediterránea e danse conta de que se fala outra cousa, iso esperta interese".

Pero a pesar das trancas, aqueles que descobren o galego e se animan a estudalo, son fieis. "Os que estudan galego despois fanse fans totais", di Mónica. Mostra diso son as tesiñas e teses de doutoramento que xa se fixeron e que están a se facer. Cobren un amplo abano de temas, dende a lingua dos comentaristas de deportes até un estudo sobre o Cristobalón de Linares Rivas. A tese de Martín Veiga trata da poesía de Avilés, e a tese que ten entre mans unha estudante irlandesa, Aoileann Lyons, estuda a Pondal, Yeats e o rexurdimento decimonónico. Esta última gañou unha bolsa moi ben dotada de estudos de posgrao do Estado Irlandés.

Na longa lista de actividades do centro tamén se atopan numerosos simposios sobre diferentes temas de interese, incluíndo poesía (con Chus Pato e Xavier Carro de invitados) e linguas minorizadas (ao que acudiron representantes do galés, do vasco, do catalán, do corso, do gaélico irlandés e do galego). "Nesta última participamos Fernando Venancio, eminente filólogo portugués e catedrático en Holanda, Xabier Alcalá e servidor, e debatemos sobre o futuro do galego", explica Mckenzie.

Outra das citas galegas de Cork é o Festival Internacional das Culturas que organiza a UCC cada Febreiro e inclúe un posto dedicado a Galicia. "Son de Seu estiveron tamén no festival de música celta de UCC un par de anos e armaron unha boa", engade Martín.


4,85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: