De "infinitamente mellores" cualificou o conselleiro de Presidencia as condicións de Galiza na actualidade fronte a unha posíbel catástrofe deste tipo.
"Tanto polos medios dispoñíbeis como pola aprobación e despregue de plans específicos" por parte dos gobernos español e galego, insistiu o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, en que Galiza podería loitar hoxe de xeito máis efectivo fronte a unha marea negra como a do Prestige.
Méndez Romeu asegurou que se duplicaron os medios aéreos e mariños para enfrontar situacións similares. Ao respecto, tamén destacou a creación de puntos que acollen depósitos con material susceptíbel de ser usado en casos de emerxencia deste tipo.