Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HÁBITOS CULTURAIS DE GALIZA

A cidadanía prefire as verbenas á ópera

A enquisa do IGE desvela os costumes culturais da poboación e o feito de que os fillos adquiren as preferencias dos pais.

Redacción - 09:00 08/11/2007

O Instituto Galego de Estatística (IGE) presentou este mércores os resultados da enquisa de condicións de vida das familias referida ao ocio e os hábitos culturais no país. Os datos amosan importantes diferenzas entre sexos, idades, niveis de vida e lugares de residencia das persoas, e tamén a influencia dos hábitos culturais das nais e pais sobre as súas crianzas.

Da enquisa tírase que os espectáculos ao que máis se asiste semanalmente son os de carácter deportivo, cun 5,36% da poboación. Porén, a actividade que máis se practica mensualmente é a visita ao cine (11,24%), mentres que o 63,61% da xente enquisada vai algunha vez ao ano a unha verbena ou concerto de orquestras. Pola contra, a música clásica e a ópera están no último lugar de preferencias dos galegos, pois apenas un 13% da poboación vai algunha vez ao ano e o 54,16% non vai nunca. O restante 31,73% non pode ir por non dispoñer do servizo preto do seu fogar.

No que se refire aos medios de comunicación, a cidadanía ve unha media de 2 horas e 35 minutos diarios de televisión, dende as dúas horas e 29 minutos da provincia da Coruña e as duas horas e 52 de Ourense. A porcentaxe de habitantes que seguen este medio supera o 95%, mentres que dous terzos escoitan a radio, maioritariamente cada día, e aproximadamente a mesma porcentaxe le prensa, a metade deles a diario. Algo menos do 60% dos galegos ven vídeos ou deuvedés algunha vez ao ano, maiormente nas provincias atlánticas.

O 41,46% da poboación leu algún libro durante o ano 2006. De novo, as provincias atlánticas atópanse por riba da media e as interiores por debaixo do 35%. Nos concellos de máis de 50.000 habitantes ascende ao 54,21%, e nos de menos de 20.000 baixa até o 31,81%. As mulleres destacan como máis lectoras ca os homes (46,51% fronte ao 35,99%), e a poboación de 10 a 14 anos supera o 74,69%, seguida dos de 5 a 9, cun 69,11%. No outro extremo están os maiores de 50 anos, cun 23,55% de persoas lectoras.

O grupo de idade das persoas maiores de 65 anos é tamén o único en que os homes superan ás mulleres, aínda que por moi pouco: 15,71% fronte ao 14,36%, quizais como consecuencia da discriminación educativa que sufriron hai décadas. Tamén, como era de esperar, len máis as familias con máis ingresos e as persoas con maior nivel de estudos. Neste último caso os datos son máis extremados: só leron un libro no último ano o 7,05% das persoas sen estudos secundarios, mentres que si o fixeron o 74,21% das universitarias.

Unha maioría de galegos confesan practicar algún deporte, cunha media do 53,2%. Porén, os que non o fan por careceren de infraestruturas axeitadas son os ourensáns, cun 28,44% fronte ao 20,16% que non practica deporte por outros motivos.

Os costumes hérdanse
Os hábitos familiares inflúen decisivamente nos dos fillos e fillas. Nas familias con pais deportistas, os fillos practican deporte maioritariamente, aínda que o hábito se vai perdendo coa idade. Nas familias en que non se fai deporte, a práctica por parte dos fillos baixa do 50% a partir dos 15 anos.

O mesmo se pode dicir do hábito de ler e de ir ao cine, aínda que os datos son diferentes. Aínda que coa adolescencia se reduce o costume da lectura, é nas familias non lectoras onde a diferenza é meirande. De feito, os pais que non len teñen fillos que maioritariamente non o fan, nin sequera antes dos 14 anos.

As diferenzas máis abraiantes danse entre as familias cinéfilas e as que non asisten ao cine. En todas as franxas de idade, os pais que van ao cine teñen fillos que, maioritariamente, tamén o fan, aínda que a porcentaxe vai descendendo lixeiramente co paso dos anos. Nas familias que non van ao cine, acontece ao revés: os fillos tampouco ven cinema maioritariamente, aínda que a porcentaxe de mozos que asisten ás salas vai medrando a medida que aumenta a súa idade.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: