Logo da Festa dos Axóuxeres que tivo lugar en Compostela, Vigo e na Coruña durante o verán, a Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa co proxecto Axóuxere para a transmisión familiar da lingua.
Os venres, sábados e domingos do mes de novembro, os pequechos de até tres anos de Boiro, Cee, Burela, Chantada, Sarria, Vilalba, Celanova, Verín, o Barco de Valdeorras e Ponteareas poderán escoitar estas tres voces, sen micro, en lugares con capacidade reducida, para aumentar o grao de intimidade. Non máis de vinte bebés acompañados integrarán o público.
A Secretaría Xeral insiste na necesidade de que os rapaces perciban o galego como algo natural dende os primeiros anos. As familias que leven os seus pequechos a escoitar estas tres voces cálidas e próximas recibirán tamén materiais básicos con cantigas tradicionais e xogos de iniciación, un material que forma parte do lote da campaña Xeración E logo!, que se lles entrega a todas as mulleres embarazadas.
O afecto ten ritmo de muiñeira
Os encontros foron presentados en Compostela, no Club Internacional de Prensa, na mañá deste martes 6 de novembro. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, salientou "queremos que o galego siga sendo, como o foi nos mil últimos anos, lingua da casa". Para iso, explicou, decidiron abordar o "ámbito da intimidade familiar (...) o afectivo, o orixinal e a excelencia musical".
Mercedes Peón, xunto con Guadi Galego e Uxía, achegará a lingua aos cativos por medio da música e da súa voz. Asegurou que "o fluxo sanguíneo dos bebés cando están na barriga da nai vai ao ritmo de muiñeira". A artista explicou que na súa actuación xogará cos ritmos, cos arrolos e coas palabras que identifiquen as primeiras cousas que ven os pícaros.