A iniciativa ten como obxectivos a difusión da figura do pensador galeguista e a promoción das ciencias sociais no noso país.
Baixo o nome de Alexandre Bóveda, a Cátedra presentada pola Consellaría de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión cultural, pretende dar un pulo ás ciencias sociais en Galiza, para o que conta cun Centro de Documentación, un premio de investigación e diversas actividades de promoción.
Documentación, investigación e conferencias
A primeira das tres grandes liñas que se desenvolven no proxecto, dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Álvaro Xosé López de Mira, é a creación dun Centro de Documentación. Este centro, con sede no Pazo da Cultura de Pontevedra, ten como obxectivo a compilación de documentos en tódolos formatos, para conseguir así una maior accesibilidade para os investigadores e estará coordinado por Uxío Breogán Diéguez.
A investigación é a segunda das liñas que contempla o proxecto. A Consellaría de Cultura creou o premio de investigación "Alexandre Bóveda", que estará dotado con 20.000 euros. Os traballos presentados a este concurso poden versar sobre calquera tema relacionado coas ciencias sociais, económicas ou xurídicas, e deben estar escritos en lingua galega.
A configuración do plan continúa cunhas xornadas anuais dirixidas ao público en xeral. O primeiro destes encontros centrarase na figura de Alexandre Bóveda, mediante unhas conferencias impartidas no mes de decembro. Un congreso sobre o galeguista continuará afondando na figura de Bóveda durante 2008. Tamén se apoiarán diversas actividades como simposios, conferencias, seminarios ou cursos, así como en proxectos culturais e no fomento da mobilidade de estudantes e persoal docente.
Este proxecto poderá levarse a cabo grazas á colaboración desta Consellaría, que aportará 30.000 euros anuais, e á entidade bancaria Caixanova, que colaborará cunha cantidade de 20.000 euros. O financiamento total da Cátedra complétase co investimento do concello de Pontevedra, que neste caso colaborará con 10.000 euros.