O ministerio de Interior autorizou esta semana o uso de pulverizadores de gases tóxicos sen ningunha normativa que regule o seu uso.
Os pulverizadores de gases tóxicos, máis coñecidos como aerosois antivioladores ou de defensa persoal, poderán ser empregados pola policía sen cobertura normativa ningunha, cando se desexe. Até o de agora os aerosois eran usados de xeito ilegal pola policía, mais agora Interior acaba de concederlles "ás unidades que o precisen" o permiso para usalos, sen elaborar un protocolo que determine os límites do seu emprego e as situacións nas que se poden usar.
De feito, o comunicado do Ministerio do Interior nin sequera fala de facer cursiños para que os axentes saiban empregar con xeito os botes, xa que ao parecer consideran que con ler as instrucións chega.
Aínda que prohibidos, xa foron empregados
O Regulamento de Armas de 1993 prohibe o emprego de "sprais de defensa persoal e todas aquelas armas que despidan gases ou aerosois", salvo as autorizadas polo Ministerio de Sanidade, que calquera cidadán maior de idade poida mercar nunha armería.
Os que se van empregar agora, segundo o Corpo Nacional de Policía (CNP), son totalmente legais e están compostos por gases tóxicos a base de capsaicina, un potente alcaloide que se obtén da guindilla e dos chiles.
Os botes, que custan uns 9 euros, están deseñados "para provocar unha sensación de extrema queimadura nos ollos, lacrimación abundante, peche involuntario das pálpebras, irritación nas mucosas nasais, tose e opresión no peito". En teoría, os efectos duran 20 minutos, tempo no que a persoa gaseada non controla os seus movementos.
Botes perigosos
O Instituto Nacional de Toxicoloxía xa ten alertado varias veces da perigosidade destes botes, mesmo dos homologados. Nas persoas que foron expostas a estes gases de xeito prolongado chegouse a advertir unha "sintomatoloxía cardíaca como a taquicardia ou a hipertensión", así como problemas respiratorios.
Ao parecer, para o SUP (Sindicato Unificado de Policía), o emprego destes aerosois pode ser negativo, para as vítimas directas e para os policías, que non están apoiados legalmente no seu uso.