Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Protestas ante a posíbel mudanza do Museo da Natureza

Ferrol búscalle acomodo á Sociedade Galega de Historia Natural

Ao non poder aguantar outro inverno no antigo hospicio e non ter aínda resposta do concello sobre a nova situación, Ferrol podería quedar sen unha colección única.

Redacción - 18:00 19/10/2007
Tags:
Logo da SGHN

Logo da SGHN

O pasado 9 de outubro a SGHN facía públicas as súas reclamas dunha nova sede na cidade de Ferrol, onde agora expón a súa colección de pezas únicas da historia natural galega, no edificio do antigo hospicio. Nas palabras da propia asociación: "ante a ameaza doutro inverno de chuvias, é máis que probábel que teñamos que continuar no vello edificio do "Hospicio" onde naceu e creceu a nosa colección, cheo de humidades e coa ameaza constante de chegar a realizar a nosa labor co ceo como testemuña".

Hai ben tempo que se fala do predio da Casa do Coronel, no antigo cuartel Sánchez Aguilera, como nova sede do Museo da natureza e da SGHN , -o anterior goberno xa dera o visto bo a finais do ano pasado. EU-IU e BNG volveron lembrar o edificio e o alcalde ferrolán, Vicente Irisarri (PSdeG) tamén manifestou o seu acordo coa nova situación, mais nas últimas semanas non volveu falar do tema.

Uns a prol e outros en contra da Casa do Coronel
Na quinta feira o BNG asistía a un pleno extraordinario ao que levaba unha moción para oficializar a nova situación da SGHN na Casa do Coronel, ante a posibilidade de que a sociedade puidese marchar, e levar o seu museo a outra cidade galega.

Os edís do BNG Xoán Xosé Pita e Elia Rico volveron lamentar, após o pleno, que o goberno local non se tivese posicionado aínda, "e que tampouco ofrecesen alternativas" para o novo emprazamento. Segundo o BNG ferrolán a Irisarri "faltoulle rigor" cando falou do Polígono de tiro de Doniños como novo emprazamento, porque, segundo eles, o Museo da Natureza non debe estar tan lonxe do centro urbano. E en referencia aos edís de EU-IU, o BNG dixo que estaban a tomar unha "actitude ambigua", xa que a, ao seu ver, a Miguel Reimúndez (responsable da área municipal de Vivenda e Rehabilitación) corresponde recomezar as obras, que "aínda mantén paralizadas", dixo Pita.

En canto aos ruxerruxes da posíbel instalación dun centro comercial ou dun novo edificio de Defensa na Casa do Coronel, o edil do BNG, Xoán Xosé Pita dixo non saber con certeza se o escoitado era certo, mais que, "sen desprezar" a instalación dunha superficie comercial na cidade, considera "importante" que a Casa do Coronel acolla un museo cunha "colección única" froito do "traballo altruísta" dun grupo de especialistas.

Apoio do movemento civil
A Plataforma Ártabra21, o Ateneo Ferrolán e a asociación Roi Xordo apoiaron a proposta do BNG ferrolán sobre o novo emprazamento da sede da SGHN na casa do Coronel, que segundo estas asociacións debera ser cedida polo concello para tal fin.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: