Política Lingüística renovou a colaboración con dúas universidades estatais e catro estranxeiras para continuar co ensino da lingua e cultura galegas nos seus plans de estudo.
A Universitat Autónoma de Barcelona e a Euskal Herriko Unibertsitatea, dentro do ámbito estatal, e as universidades Ollscoile na hÉireann, Corcaigh-National University of Ireland, Cork (Irlanda), a Uniwersytet Warszawski (Polonia), a Freie Universität Berlin (Alemaña) e a University of Birmingham (Reino Unido) renovaron convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo que se lles volverá ofertar o ensino do galego aos seus alumnos.
Xunto coa docencia, estas universidades tamén organizarán outras actividades, -seminarios, conferencias, mesas redondas ou exposicións-, relacionadas coa investigación e a promoción e difusión do galego no exterior, que axuden a lle ofrecer ao público unha ampla perspectiva da nosa cultura.
Os lectores deixarán de ser bolseiros e terán un contrato
Na nova andaina de colaboración coas universidades de Barcelona, Euskadi, Birmingham, Cork e Varsovia establécese o compromiso de que os lectores de galego teñan unha relación laboral, a través dun contrato, con estas universidades, cando até o de agora só tiñan consideración de bolseiros. A rede de difusión exterior do galego conta con 35 lectorados e 43 centros de estudos galegos espallados polo mundo.