Será o país convidado encontro que se celebra cada catro anos en Brest, na Bretaña francesa.
Unha frota de vinte embarcacións e unha exposición con material artesanal, ademais dun programa de espectáculos culturais e musicais, espallarán internacionalmente a nosa cultura marítima nun evento que reúne máis de un millón de visitantes.
Na promoción de Galiza na Festa Marítima Internacional de Brest participan a Consellaría de Cultura e Deporte e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e colabora a Dirección Xeral de Turismo. A chegada á Feira de visitantes de todo o mundo será unha ocasión óptima para difundir a imaxe de Galiza, polo que a Consellaría prepara un espazo habilitado con información sobre o noso país, os seus produtos e artesanía ou as súas posibilidades turísticas. Un restaurante amosará ao mundo a gastronomía típica dos nosos peiraos.
Vinte barcos e unha selección das nosas artes
Unha frota de vinte embarcacións de distinta envergadura, feitura e procedencia demostrará a variedade e a riqueza da nosa tradición marítima. Realizarán desfiles marítimos na costa da cidade bretoa e poderán ser visitadas polas persoas asistentes durante os oito días que dura a Feira. Ao seu carón, nun lugar central da zona portuaria, situarase o espazo da representación galega, que recreará a tradición das nosas vilas mariñeiras, cunha exposición documental, proxección de material audiovisual e diversos obradoiros sobre o patrimonio marítimo e fluvial galego.
Do mesmo xeito, a noas música e cultura ocupan un lugar referencial: habilitarase un espazo escénico para amosar unha escolma da música, danza tradicional e contemporánea, teatro, novo circo, etc. que se están a realizar en Galiza. O día 16, como non podía ser doutro xeito, coincidindo coa nosa patroa do mar, a Virxe do Carme, celébrase o Día de Galiza en Brest.
Un irmandamento que xa naceu en Ferrol
Brest é un importante enclave na Bretaña, un país cunha gran tradición marítima, ademais de ser a base da frota militar francesa do Atlántico, que participa nas actividades da Feira. Hai tres anos, a vila recibiu un millón de visitantes, procedentes de 30 países, 2.000 embarcacións de todo o mundo, 15.000 mariñeiros, 6.000 voluntarios e 800 xornalistas acreditados.
Cultura e a FGCMF levan ben tempo colaborando na aposta polo enxalzamento da nosa cultura marítima: tiveron xa lugar unha serie de encontros, baixo o nome NaBeira, que levaron o patrimonio marítimo e fluvial galego a distintos portos do país mediante unha exposición e actividades de dinamización. Tamén foi promovida a participación de Galiza nos Xogos Náuticos Intercélticos, que tiveron lugar no mes de xullo na Bretaña. E ademais, apoiáronse os Encontros de Embarcacións Tradicionais en Ferrol, aos que conseguiu que acudise unha delegación da Feira de Brest.